2 abr 2012

ARDE


 O bosque autóctono galego xa viña sendo un paraíso en perigo de extinción, pero despois dos feitos deste fin de semana pasou a ser un ben destruído na nosa terra. Eucaliptais, minas, industrias e demáis levan mermando todos os nosos montes desde hai xa tempo; pero as estes factores nos últimos tempos temos que sumarlle outro: o lume.

Non é que os incendios forestais sexan unha novidade aquí en Galicia, pero ultimamente estes veñen acompañados de 3 factores que avivan as chamas do lume como se estivésemos a regar os nosos montes con gasolina. Falo de tres factores, un deles natural e os outros dous podémolos denominar como factores humanos.

O primeiro creo que é coñecido por todos nós, calquera que se pare a miran a nosa natureza e olle para o ríos verá a seca que estamos a ter desde o outono. Os ríos case non levan auga, os regatos xa non existen, os nosos prados están secos e a herba verde característica destas épocas do ano xa torna nun color máis amarelo. Chameille factor natural pero por iso non quere dicir que sexa alleo á culpa de todos nós, o cambio climático está aí e non podemos botar pelotas fóra e arredarnos de toda culpa; nesto nos tamén temos responsabilidades.

Paso agora ó segundo factor, non podemos falar del como algo novidoso xa que ven existindo desde xa moitísimo tempo. Con este segundo factor refírome ó interese individual ou mesmo de pequenos colectivos, algo que o egoísmo humano nos ven ensinando desde tempos inmemoriais pero que está pegar duro ultimamente os nosos montes. Falamos de xente que quere sacar un beneficio directo dos montes sen miran o impacto que pode causar no noso medio. Para ser específicos, neste ultimo caso no incendio nas Fragas do Eume había un ruxe ruxe xa de que certas empresas mineiras quería sacar tallada dunha explotación de andalucita que se atopaba nos contornos das Fragas; xa gozaban estes dun permiso da Xunta que lles permitía construír a súas minas a apenas 50 metros dun parque natural único en toda Europa. O lume comezou xusto no lugar onde esa suposta mina de andalucita ía estar localizada. Casualidade? Home, un non é que vaia desconfiando na xente pero permítanme dicir que nas empresas multinacionais non gardo nin un chisco desta confianza e menos cando pretenden tratar a Galicia coma un país tercermundista (nada tampouco novidoso) no que “roubar” os nosos recursos e cando deixen o terreo ermo de todo valor, marchen e deixen un deserto onde antes había carballeiras, bidueiros e en resume, un paraíso autóctono.

Xa pasando o terceiro e último factor e talvez o que máis me cabrea dos tres, un factor que se pode resumir cunha soa palabra: INCOMPETENCIA. Pero, quen son os incompetentes? Pois eses nosos gobernantes que están sentados nas súas poltronas da Xunta aplicando a tesoira a todo aquilo que ven innecesario para o seu propio beneficio e dos seus “amiguitos”. Esa brigada de demolición e limpeza étnica instalada en San Caetano que leva retallando na nosa cultura e no noso benestar desde que chegou ó poder. Volvemos a exemplificar co catastrófico caso nas Fragas do Eume, nos últimos anos a prevención de incendios nestas fragas quedou a cero, só con dicir que o incendio foi visto por un veciño da vila, cando este foi provocado a escaso metros dun Parque Natural, queda claro a vixiancia que había na zona do parque. Pero xa pasando do tema da tesoira, ademais estes gozan dunha habilidade especial, case sobrenatural, para exercer a incompetencia, soamente abonda con escoitar as palabras do alcalde de Cabana (que por certo non saíron na TVG) falando de como reaccionou a Consellería de Medio Ambiente ante a chamada de socorro polo incendio; lentitude e falta de miolos son as palabras que mellor definen a súa reacción, que provocou que un paraíso natural único como as Fragas do Eume pasen a estar tinguido dunha cor negra e bañada en cinsas e bágoas de desesperación de moitos galegos.

Agora xa para rematar quero mostrar a miña opinión claramente, sen recortes, sen medias palabras e sen roer a lingua, porque a verdade e que todo o que pasou este fin de semana provocou en min un sentimento de xenreira que non podo controlar. Señor Alberto Núñez Feijó, velaquí tes o teu “Prestige” particular, os tempos pasaron pero toda esa incompetencia e pasotismo que vos caracterizan volveron a provocar o que moitos temíamos; volvestes a destruír algo que non e nada fácil de reparar, algo que non reacciona os vosos ataques como calquera galeg@ pode facer (e fará), a natureza. Esperemos que todo isto tome dinámicas que en tempos pasados xa se tomaron e que non pasen moitos anos ata que todos poidamos disfrutar dos nosos montes, igual que agora podemos disfrutar das nosas costa 10 anos despois.

25 feb 2012

AS VANTAXES DA FUSIÓN


Acabo de chegar non hai moito dun pleno no que se deu o primeiros paso para a que a vida no noso val se faga mellor. A aprobación do estudo de viabilidade é un primeiro chanzo que se avanza para acadar un entorno mellor. Aínda que a posición do noso actual goberno en canto a fusión segue no mesmo punto (claramente non queren fusión algunha) a aprobación deste estudo de viabilidade faille dar un paso atrás nas súas decisión persoais. Que lles faría cambiar a súa decisión?

Sigo a escoitar moitas opinións que non comprenden as vantaxes desta unificación dos dous concellos do val. Eu a verdade é que vexo moitos avances coa chegada da fusión de Alfoz-Valadouro. O que ninguén creo que dubide e que o noso val, o Val do Ouro, comparte xa unha realidade socioeconómica actualmente, os veciños dos dous concellos fan vidas conxuntas compartindo tanto servizos como outras moitas vivencias cotiás, sen importar se es un veciño dun concello ou do outro; isto xa provoca que o impacto dunha fusión dos nosos concellos sexa menor ou case inexistente. Se esta argumento seguen a ser insuficiente propuñamos outros máis, teño na cabeza uns cantos máis.


Primeiro, como actual veciño de Alfoz, podo falar dunha serie de servizos mínimos que no noso concellos non hai, falamos da existencia de solo urbanizable, solo industria, unha boa concentración parcelaria... Os nosos gobernantes ven axeitado que os habitantes de Alfoz vaian vivir o concello veciño onde si se podes buscar vivenda pero non entendes o porqué da fusión. Os nosos dous concellos non teñen tampouco solo industrial no que calquera dos seus veciños poidan crear a súa nave industrial ou unha empresa de fóra poida instalarse e crear emprego no val,vexamos o caso de Vestas en Viveiro (oportunidade que perdemos no seu momento); os nosos gobernantes teñen que ter claro que un polígono indutrial independente en cada concello non é viable e que só provocará unha parcela deserta para usar de aparcadoiro. En canto a concentración parcelaria, que queda xa por dicir, ninguén ve o que se esta a perder no noso actual concello ó non avanzar esta? Ninguén se para a pensar das facilidades que daría esta nun dos sectores máis produtivos do noso val?  Falo da madeira.

Logo tamén podo responder a unha pregunta moi repetida, os empregos públicos derivados dos concellos, que pasará con eles? Eu teño unha resposta clara, pero esta creo que xa non será tan benvida por certo sector. A redución de empregos dos concello claro que se dará, pero tamén existirá un aforro derivada desta. Sinto por todos aqueles que perderán o seu emprego pero non se pode manter a economía do noso val a base de contratos temporais e bastante precarios. A verdadeira finalidade dun concello non é xestionar os cartos en crear emprego para uns poucos, senón en aumentar a riqueza e calidade de vida da maioría dos habitantes. Isto non se consegue duplicando postos, existen outros métodos moito mellores.

Por último só queda falar doutro tema que se esta nas bocas dalgúns veciños do val; que pasará cos servizos que se están a ofertar por duplicado nos dous concellos? A resposta a esta pregunta eu véxoa tamén bastante obvia. Que culpa teñen os gobernos futuros ou mesmo os veciños das incompetencias dos nosos gobernantes. Acaso de debe manter un servizo que está a xerar perdas ou que non é necesario porque algúns decidiron que (xa que daquela había cartos) montar un "tinglao" para un servizo que xa tiñan os veciños a un paso dos seus fogares, en lugar de ofrecer a súa axuda o concello veciño para mellorar o servizo. Temos exemplo das piscinas municipais, das garderías, entre outros.

Para rematar, só me gustaría recalcar que eu só vexo unha manchea de vantaxes que pasan por riba dos problemas que pode crear a fusión dos nosos concellos. Ademais gustaríame que aquel que vexa un verdadeiro problema nesta unificación que o diga, talvez deste xeito por fin as dúbidas poidan quedar resoltas e todo se poida facer dun xeitos máis rápido e con maior cordialidade. Podédelo facer en comentarios nesta entrada e así podemos crear unha dinámica de debate para avanzar neste tema a un bo porto.

[Agora están activos tamén os comentarios anónimos, aínda que eu prefiro que se mostre a persoa que escribe. Só quero deixar algo ben claro, agora todo comentario no que se vexan insultos ou descalificación persoais será eliminado inmediatamente. O debate non implica unha discusión que derive en situacións incómodas (sobre todo para min) xa vividos neste blog.]

14 feb 2012

A ILUSIÓN COMO MOTIVACIÓN


Levo uns días a escoitar e calar, pero chégase a un punto no que o silencio é moi difícil de manter. Éme necesario botar fóra e cuspir todo ese conglomerado de sentimento e razón. Chegou a hora de dicir abertamente o que está a pasar pola miña cachola; un rapaz de 21 anos que leva moi pouco tempo a seguir a política e quizais non sexa ninguén , non teña a experiencia suficiente para mostrar a súa opinión sobre a situación actual do BNG. Pero, de tolos está cheo o mundo, por que non? Ó mellor ata hai sorte e teño razón ou polo menos máis que algúns que levan máis anos dentro do Bloque; polo menos presión institucional non teño ningunha.

Escotei repetir estes días as mesmas palabras continuamente: ego, personalismo, transfugismo, democracia, unidade… Pero estas palabras están lonxe de concordar co que eu penso, polo menos no contexto e coa finalidade que as usan.

Botan a culpa das recentes escisións ó ego e personalismo dunha soa persoa, Beiras; pero por que non se paran a contestar o motivo de que outras forza políticas tamén se estean a ir do BNG, que teñen pouco que ver coa persoa de Beiras nin co “beirismo”.

Tamén  están a tratar a todas as persoas que marchan do Bloque  como tránsfugas se estes teñen representación nalgún municipio, pero tampouco se paran a pensar que esas mesmas persoas pensan o mesmo dentro fóra que dentro do BNG e o seu plan municipal non cambia; ademais de que non se tratar de ningunha “traizón” individual por apoiar a “inimigos”, senón dunha separación dalgúns sectores ideolóxicos e partidos que levan a traballar internamente no BNG moito tempo. O declarar transfugismo a estas persoas sería poñer en máns da oposición, coa que o propio Bloque leva loitando décadas, o goberno municipal, sen pararse a pensar se con isto ós que estas a traizoar en realidade son ós votantes ó non saber o que estes opinan. Eu creo que se debería falar conxuntamente máis este tema, xa que ó quedarse en posturas tan extremas estase a botar abaixo o realmente importante que son os proxectos políticos, non os aparatos ou as siglas.

Tamén se repetiu bastante a palabra democracia despois do 29 de xaneiro. O resultado da Asemblea Nacional de Amio foi totalmente democrático, ata aquí dacordo;  pero igual de democrático é decidir que o camiño que querías seguir dentro non se ve posible pola actual dinámica interna do BNG.

Parello ó anterior vai moito a palabra unidade, que tanto escoitamos nos discursos estes últimos tempos. “A esquerda que non está unida perde forza”, pero igual que a falta dun proxecto común na esquerda e as rupturas fanche perder forza e apoios, a falta de autocrítica e o inmobilismo ó enfrontar derrotas provoca a tamén a debilitación e o descontento na fronte. Unidade si, pero non unanimidade, hai que respetar as ideas dos demais, se é que  unha fronte nacionalista plural e o que verdadeiramente se desexa.

Para explicar a situación pode ser bastante visual a introdución dunha metáfora (chamádeme poeta). Nun edificio non que viven varios veciños en propiedade, se a convivencia entre uns cantos veciños non é cómoda con outros; non teñen estes dereito a marchar e cambiar de edificio? Se non encontras unha vivenda na que te atopes cómodo, por que non se pode crear unha propia?

Ademais  se para eles non é de importancia a marcha dos irmandiños porque poñer problemas na súa ida. Se contando os militantes destes só teñen uns poucos centos de afiliados, son simples veciños dun décimo piso sen ascensor (volvendo as metáforas).

Eu penso que se perdes a ilusión nun proxecto podes probar noutro, se a estrutura vixente nun partido (neste caso fronte de partidos) non comparte a túa forma de ver as cousas tes todo o dereito a marchar e buscar ou crear un proxecto que te volva ilusionar.

Para rematar xa, eu concordo nas opinións que na esquerda e no nacionalismo (talvez máis neste último) a división fai perder forza , pero non caso do BNG xa se leva uns anos perdendo, así que se internamente non se cambian as cousas terase que crear unha alternativa que poida recuperar os apoios perdidos nos últimos tempos; xuntando a todas aquelas persoas con ganas de traballar por un novo proxecto galego, ou mesmo motivar a todos aqueles que están a facer política social fóra das institucións e que non atopan ou non  confían nos partidos políticos actuais. Existe a posibilidade de subir e iso é motivación suficiente para continuar.

Por último, como reflexión persoal: se tan ben o está a facer a dirección actual do BNG que medo hai a perder apoio, polo seu razoamento librarse dese lastre que os afogaba e lles facía perder poder nas institucións facilitaralles as políticas futuras. Coexistir cun novo proxecto non lles suporá ningún problema. Xa non haberá criticas internas, só haberá que centrase no verdadeiro inimigo, as políticas antisociais actuais. Ese e o verdadeiro inimigo tanto do BNG como do novo proxecto político que se pretende crear e queda moito traballo e loita. 

29 ene 2012

E AGORA QUE?


Está é unha gran pregunta que me ronda o maxín desde a chegada da Asemblea Nacional do BNG en Compostela. Unha asemblea moi intensa que vivín con moitos altos e baixos. Unha asemblea que reafirmou a miña admiración polo último político de raza que vexo no nacionalismo galego: Xosé Manuel Beiras Torrado.

Un político que volveu a cativarme co seu discurso franco e directo, con esa imaxe profunda e o seu dominio dos tempos e dialéctica na comunicación das súas ideas. Un líder. 

O gran Beiras conseguiu enchernos de ilusión a moitos que a estabamos a perder nestes últimos coa política nacionalista e a deriva actual do BNG. Logrou volver a levarnos a todos a tempos da asemblea de Riazor, onde o nacionalismo se uniu nin enorme proxecto nacionalista chamado Bloque Nacionalista Galega, falando de unidade (que non unanimidade) e pluralidade política. Abriunos a porta do debate a moitos que só contemplabamos unha estrutura da que non gustabamos nin compartiamos. Esa ilusión tornou no que hoxe foi unha intensa asemblea da que moitos volvemos cun amargo sabor de boca.

O porque desta desilusión foi o observar a derrota dese proxecto de pluralidade do nacionalismo galego; unha derrota con tintes de vitoria pero en conclusión unha derrota. Unha gran desilusión o observar como unha parte da militancia respondía o discurso de Beiras con asubíos, un gran político que deixou o epílogo da súa vida (palabras de Beiras) ó servizo do nacionalismo e para liderar este nun novo futuro.

Voltou a gañar esa gran maquina engraxada chamada UPG ante unha nova forza ilusiónante como o Encontro Irmandiño xunto co grupo alternativo de +Galiza. Repítese o mesmo que nas anteriores asembleas a militancia da U votou en masa, mentres que moitos independentes quedaron na casa renegándose a outra vitoria do partido maioritario do Bloque.

Agora toca descansar e levar esta resaca asemblearia o mellor posible, esperando nos próximos días ter a cabeza fría para matinar cal será o noso futuro e o máis o do BNG. Seguirase a loitar, pero coas nosas ideas e a nosa forma de ver a política e o nacionalismo galego.

"Viva o BNG de 1982!”


28 ene 2012

CANDO O DEBATE NON INTERESA


Acabo de chegar dun debate político que nunca existiu. Como pode ser posible que entón se chame debate plenario a iso? Non sei. Busco porqués pero por máis que os procuro non os atopo. Como é posible que a isto se lle chame democracia se non queren caer nun debate para non ter que dar respostas? Non existe,  non deixan que exista. Que grandísima pena.

Cheguei con toda a ilusión do mundo a sala de plenos do Concello  de Alfoz; coma min había máis, xente que non adoitaba ir os plenos municipais, xente interesada nos tema importante da noite, xente que marchou ó terminar este debate (que endexamais chegou tan sequera a comezar)  sen resolver dúbidas sobre como afrontar este tema. Si, este gran tema, esa continua noticia no ultimo mes, ese titular de prensa eco en toda Galicia, a esperanza e desexos de moitos: A FUSIÓN DOS CONCELLOS DO VAL.

Mostrarei a aquí a miña opinión deste proceso, xa que descoñezo a dos que marcharon do pleno coa cabeza gacha, con carraxe ou mesmo tomándoo con ironía.

Observei como se propuxo unha moción na que a oposición estaba amplamente de acordo (non por  isto tomou máis importancia). Todo comezou coa súa dinámica natural, o partido que levou a moción (neste caso o BNG) expuxo ante todo o pleno o seu texto; ata aquí todo ben.

Continuou co turno do outro partido da oposición (PSOE) que apoiou a totalidade da moción engadindo unha emenda na que esixía un estudo previo antes de comezar a realizar a fusión; o Bloque concordou tamén amplamente neste apunte. Ata aquí o pleno continua normal, pero chega o turno do partido de goberno (o PP).

Empeza a defensa da posición do PP por parte do seu portavoz, falou de que a moción chegaba nun momento onde xa se estaba a tomar medida de mancomunar servizos (mancomunidade bendita palabra), logo tamén houbo tempo para algunha perliña localista dicindo quen era mellor e quen peor (pensamento que creo que quedaron atrás xa hai ben tempo) e terminando expoñendo que o seu voto será en contra porque non existía veracidade de que o concello de Alfoz se vira beneficiado con esta fusión e que mesmo este sairía perdendo (permítanme un pequeno sorriso malicioso ao supoñer de que están falando co de perder).

Ata aquí a exposición da opinión das tres correntes, todo normal, con pequenos matices e discordancias, pero aquí chega o punto de inflexión, xa que aquí “en teoría” deberíase chegar o debate da moción. Serei o máis breve posible,  o Bloque exponlle ó PP a posición que mostrou o seu partido (dirixentes actuais da Xunta) en discursos falando da fusión de concellos, nos cales se mostran moi favorables a esta. O PP fala de que neses discursos poden discordar coas dos seus superiores (pena que non estean en desacordo noutros discursos tamén). Logo o representante do Bloque refírese directamente o concelleiro independente da corporación municipal dicíndolle que este vai ser un gran momento para mostrar a súa posición ó respecto desta moción e ter a súa propia voz dentro desta corporación, mostrando o seu propio parecer neste pleno.

Turno pois do concelleiro de expoñer a súa opinión, comeza a falar de que na súa área de Cultura xa se tomaron iniciativas de compartir servizos (amén) nomeando o Radio, o teatro e os proxectos da Escola de Música e o Seminario de Estudos. Deseguido móstranos unha metáfora (bastante axeitada por certo) falando do proceso de unificación coma se fose un matrimonio, no que primeiro existe un noivado no que se mira se a unión pode ser axeitada, un noivado que compara coa posición actual dos dous concellos. Remata dicindo que esta moción non a apoiará tampouco, xa que sen ter a certeza se o concello de Alfoz se vai sentir beneficiado por esta unión non a ve axeitada.

Despois desta intervención por parte do concelleiro independente popular chega unha rápida resposta por parte do representante do BNG, dicindo que deixa de lado a moción e que propón que se faga o estudo socio - económico pertinente (emenda do PSOE) para despois retomar o proceso de fusión dependendo deste.

Aquí chegou e aquí rematou o debate (curto non?), os representantes populares din que iso non se pode facer que non se pode modificar un posicionamento no medio dun pleno  (como xa se fixo noutros plenos municipais) e procédese a votación, que obviamente se perde ante o inmobilismo da maioría popular.

Agora tocan as preguntas: Porque esta estratexia inmobilista? Que perden ó aceptar o estudo? Que perden tamén coa fusión?

As respostas son bastante simples e breves. Primeiro o debate non interesa xa que ante este os seus discursos caen en controversias, autocensuras e contradicións. Segundo un estudo podería prexudicar  a súa decisión xa que podería saír a favor da fusión (un fin bastante probable). E terceiro, se a fusión chegase a bo porto moitas das políticas que están a facer iríanse ó tacho: un alcalde menos (un soldo menos), non á duplicidade de servizos e reestruturación das administracións municipais.


MORALEJA: “Nada de camas de matrimonio que a manta non da para tapar a tanto dormitón, mellor camas xemelgas.”

23 nov 2011

SELECCIÓN XA!


Ano 97 sae o primeiro número dunha revista que provocou un punto aparte na historia musical galega. Revista Bravú 1ºN, co titulo de Selección Xa!, nel un ía incluído un CD con 9 cancións coa colaboración de 4 futbolistas galegos históricos. Fran, Xosé Ramón, Michel Salgado e Nacho, cantaban con grupos da época pedindo unha selección galega de fútbol.


Tiveron que pasar uns cantos anos para que os galegos puideramos disfrutar dun evento desexado durante moitos anos, unha selección, un plantel de xogadores e un partido que moitos recordaremos;  unha noite de 29 de Decembro que ó compas do Fogar de Breogán marcaría un antes e despois no noso país.

Foron moitos anos de loita e traballo de moitos xogadores e militantes do fútbol galego para lograr este feito, conseguir unha selección para tódolos galegos. Queda na memoria un día de Novembro do 95, no que con máis ilusión que malicia, fixo algo que o marcou na súa carreira deportiva, un xogador da terra mostrou o seu desexo de xogar nunha selección galega antes que na española. Despois disto o “mal” xa estaba feito, as súas declaración sacadas de contexto, provocaron continuos ataques da prensa deportiva e numerosos asubíos nos campos de fútbol. Esta foi a historia dun veciño focense mostrando a súa ilusión por xogar algún día nunha selección galega, unha ilusión que non chegou a converterse en realidade, pero que foi un paso máis para a consecución do desexado evento, a pesar dos ataques que se produciron por certos individuos cara a súa persoa.


Uns individuos que son os que nos impiden na actualidade repetir un acontecemento que nas prontas datas do Nadal tería que repetirse. Motivos desta censura deportiva? Coma sempre vólvenos falar de que este é un evento caro, un evento innecesario, un evento sen beneficio algún…

Que me perdoen estes individuos que nos están a gobernar, fálannos de gasto innecesario; que non me fagan rir,que busquen mellor escusas. Falamos dun día no que un estadio de fútbol de Galicia se enche, con todos os cartos que xera isto. Falamos dunha manchea de empresas que daban o seu apoio económico neste día (a cambio de publicidade, claro) como Estrella Galicia, Gadis, R, Caixa Nova e Caixa Galicia (naqueles tempos) entre outras, creo que isto tamén xera bastante diñeiro.

Botando por baixo esta mentira, que xa os propios organizadores pasados deste evento desmentiron no seu momento, podemos pasar a mostrar os beneficios desta día de fútbol galego (que eles non ven).


Primeiro podemos falar dos protagonistas do evento, os xogadores. Non existen hoxe ningún futbolista profesional galego que xogue na súa respectiva selección, xa que na española non existe ningún, polo tanto este partido sería unha boa data para mostra a súa calidade ó mundo. Sen impedir que estes poidan ser incluídos na selección española  se esta os chama e eles o desexan, xa que a actual selección galega só realiza partidos illados, como fan noutros nacións do estado coma Cataluña ou Euskadi, ou mesmo outras 
menos sospeitosas de “separatistas”, coma Andalucía, Valencia, Canarias, etc. Primeiro beneficio.

En segundo motivo de peso podémolo atopar no futuro, si no futuro; no fútbol base galego. É difícil mostrarse en Primeira división,  e menos cos 2 equipos máis importantes en Segunda. A Selección creará unha gran ilusión entre os rapaces do fútbol base en Galicia; tal vez chegar a Primeira será difícil, pero a Selección sempre estará aí, xa sexa como trampolín (como falamos antes) ou para mostra o seu xogo a tódolos galegos. Por iso e porque ó mellor despois disto se ten máis en conta a canteira do país, aquí temos o segundo beneficio da nosa selección.

Agora vamos co terceiro e último motivo de peso para volver coa Selección. Falamos de xogadores profesionais e de fútbol base, agora toca falar dos que disfrutan tal sinalado día, cada galego que berra e anima o seu equipo nacional dende a grada ou detrás dun televisor. Por que coma xa dixen a xente enchía estadios de Primeira División nos partidos da selección galega, non se enche un estadio nun día de vacacións e de reunión familar como son as datas no Nadal (que todos acostumamos pasar na casa cos nosos) se non houbera un gran desexo de ver o teu equipo xogar contra grandes seleccións do mundo. Por ser o último non é o peor, aquí temos outro gran beneficio da selección galega.


Unha autopregunta miña sobre este tema sempre foi: “Por que se existe un día para celebrar o día de Galicia nunha catedral ou outro para sacar as forzas de seguridade do estado a rúa, non podemos celebrar unha festa do deporte galego cun gran partido de fútbol (??), fóra todo isto a calquera interese político, soamente o interese polo deporte de Galicia.

Por todo isto, non desaproveitemos o que conseguiron xogadores coma Nacho (o veciño de Foz do que falei antes), Fran, Otero, Michel Salgado, Diego Lopez… Galicia deu o único balón de ouro do Estado, Luís Suárez; así que sintámonos orgullos da nosa selección galega e desexemos con todas as forza que nestes tempos escuros, no que a censura duns poucos xogan coa ilusión de moitos, haxa un (re)volta.


SELECCIÓN GALEGA XA!

12 nov 2011

O DERBI GALEGO


Queda pouco, un día, apenas un feixe de horas para poder vivir un dos momentos máis agardados por moitos galegos (oxalá todos), o gran DERBI: Deportivo – Celta; partido para vivir e recordar (momentos inolvidables).

O fútbol un deporte de masas. Alá foron os 90, rapaces cos seu chándal dos equipos galegos na escola (Depor, Celta, Compos, tempos aqueles). Agora que ves, camisetas de equipos da meseta e máis aló ou mesmo ingleses ou alemáns. Os nomes máis repetidos nas zamarras, cataláns, madrileños, portugueses e arxentinos (xogadores alleos).

Onde foron os anos no que os rapaces vestían a camisolas dun equipo da terra levando as costas o 10 de Fran, o 2 de Michel Salgado,  o 14 de Jose Ramón, grandes entre grandes que compartiron vestiario con Bebeto, Mostovoi ou  Ohen e tiveron tanto ou máis protagonismo que eles.

Aqueles derbis onde se movían milleiros de seareiros galegos, os derbis de Galicia; onde foron parar todos estes deportivistas e celtarras. Acaso foi todo un soño ou é que foi todo outra moda capaz de que miles de rapaces levaran un sentimento de orgullo de ser dun equipo galegos (bendita moda). Outra moda coma a que impulsa a ser hoxe a ser do Barça, ou no seu tempo do Madrid.

Modas aparte, inda hoxe seguimos quedando algúns, persoas que non precisan cruzar fronteiras para sentirse cheos de orgullo ó ollar o seu equipo a loitar minuto a minuto ou a sufrir cando as cousas non ocorren como o teu corazón desexaba con todas as forzas.

Co Celta e o Depor (o Compos por desgraza perdeuse nesa loita por existir) en Segunda tal vez se volvan a repetir esas grandes tardes-noites diante do televisor ou nunha grada a berrar, chorar e suar cada minuto, cada segundo do teu equipo; minutos de dous grandes que deixaran pegada na historia do deporte galego.

Quizais non se volva crear ese impulso mediático arredor destes enfrontamento (non queren, non interesa, non é rendible) , pero ese pequeno  reduto de afeccionados (fóra de modas baratas) non precisan del para volver a converter un partido, no día do fútbol galego, do verdadeiro fútbol galego.

O sentimento fronte ó negocio. A loita fronte ó diñeiro. O orgullo fronte as modas. O fútbol galego sobrevive noutro domingo nos estadios de Galicia. Fóra acoplados, nada de segundos equipos, Celta ou Depor, ninguén máis. Non os necesitamos, todo o contrario molestan.