6 jul 2011

A COVA DOS SONS

Chegou o verán é algúns temos máis tempo para dedicarnos a outras actividades alternativas fóra do estudo. Xa levo algún tempo colaborando nalgún programa da Radio Valadouro, e a agora nas vacacións déronme a oportunidade de poder facer un novo programa na radio do noso val. A Radio Valadouro pode ter cousas boas e malas pero o que ninguén me pode negar é que non todos os concellos, como son os do Val, teñen un radio local propia.


Por iso ó ter nós unha radio local alternativa podemos facer programas tamén alternativos que os outros medios non queren ou non deixan facer, por iso teño a oportunidade de facer un programa de música galega que nin na Radio Galega nin noutra cadea radiotelevisiva galega lle dan un pequeno recuncho.  Só están o Planeta Furancho na Radio Galega Música (que non chega a todalas localidades e nalgunha non se escoita ben) e está Música Ambiental en V Televisión (pero creo qu xa todos sabemos como funciona La Coz de Galicia).

Algúns diranme como se pode encher un programa completo con música só en galego, eu direilles que a música galega da para encher un programa enteiro non só semanal senón diario. A experiencia está aí e existiu outro programa na Radio Galega non hai moito, que dedicaba todo o seu tempo á promoción da música en galego,  o seu nome era ‘Aberto por Reformas’ e ata que chegaron a CRTVG os telegaiteiros de sempre estivo xogando un papel moi importante na dinamización da música galega e en galego.


Non vou compararme cun grande coma Xurxo Souto á hora de poñerme a facer un programa de radio musical, pero gañas teño moitas e iso creo que me  axudara bastante. Quizais sexa difícil atopar a mesma cantidade de grupos que nese gran programa que foi Aberto por Reformas, pero a Internet está hai (e se a SGAE mo permite) buscarei todo o repertorio musical que o meu portátil aguante.

Xa meténdome máis no que vai ser  o programa podo dicir que “A Cova dos Sons” será un programa onde terá cabida todo tipo de música sempre que este cantada na nosa lingua nai e repartirei espazo do programa máis ou menos en tres seccións:

-         -    A primeira será unha pequena análise sobre a historia da música galega, comezaremos  nos 70 e iremos avanzando ata hoxe, pasando polas Voces Ceibes, os Andrés do Barro e Pucho Boedo, o Bravú e toda a grande historia da música galega.

-         -   A segunda será unha homenaxe a algún músico ou grupo importante da nosa música onde terán pé tanto Miro Casabella, Andrés do Barro, Os Resentidos, Os Diplomáticos,  Os Herdeiros e un longo etcétera durante catro décadas nas que grandes voces usaron a lingua nai para crear música.

-        -    A terceira será unha sección dedicada completamente a coñecer  a novos grupos emerxentes que están a surxir no rico panorama musical galego actual, movéndose por todos os estilos musicais dende o rock, punk e metal máis moderno ata o mestizaxe e o folk galego máis tradicional.

Para todos os que queiran saber como vai ser este programa, inda que soamente sexa para escoitalo durante uns minutos, anímovos a que sintonicedes Radio Valadouro no 107.9 cada luns durante este verán a partir da oito da tarde e ata que o corpo aguante.

 Porque neste panorama tan contrario a difusión da cultura galega son as pequenas iniciativas as que crean a base para a normalización e difusión da nosa lingua galega.

E  para rematar e como diría o xa nomeado e meu gran ídolo Xurxo Souto, SAÚDE  E OCÉANO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario