25 feb 2012

AS VANTAXES DA FUSIÓN


Acabo de chegar non hai moito dun pleno no que se deu o primeiros paso para a que a vida no noso val se faga mellor. A aprobación do estudo de viabilidade é un primeiro chanzo que se avanza para acadar un entorno mellor. Aínda que a posición do noso actual goberno en canto a fusión segue no mesmo punto (claramente non queren fusión algunha) a aprobación deste estudo de viabilidade faille dar un paso atrás nas súas decisión persoais. Que lles faría cambiar a súa decisión?

Sigo a escoitar moitas opinións que non comprenden as vantaxes desta unificación dos dous concellos do val. Eu a verdade é que vexo moitos avances coa chegada da fusión de Alfoz-Valadouro. O que ninguén creo que dubide e que o noso val, o Val do Ouro, comparte xa unha realidade socioeconómica actualmente, os veciños dos dous concellos fan vidas conxuntas compartindo tanto servizos como outras moitas vivencias cotiás, sen importar se es un veciño dun concello ou do outro; isto xa provoca que o impacto dunha fusión dos nosos concellos sexa menor ou case inexistente. Se esta argumento seguen a ser insuficiente propuñamos outros máis, teño na cabeza uns cantos máis.


Primeiro, como actual veciño de Alfoz, podo falar dunha serie de servizos mínimos que no noso concellos non hai, falamos da existencia de solo urbanizable, solo industria, unha boa concentración parcelaria... Os nosos gobernantes ven axeitado que os habitantes de Alfoz vaian vivir o concello veciño onde si se podes buscar vivenda pero non entendes o porqué da fusión. Os nosos dous concellos non teñen tampouco solo industrial no que calquera dos seus veciños poidan crear a súa nave industrial ou unha empresa de fóra poida instalarse e crear emprego no val,vexamos o caso de Vestas en Viveiro (oportunidade que perdemos no seu momento); os nosos gobernantes teñen que ter claro que un polígono indutrial independente en cada concello non é viable e que só provocará unha parcela deserta para usar de aparcadoiro. En canto a concentración parcelaria, que queda xa por dicir, ninguén ve o que se esta a perder no noso actual concello ó non avanzar esta? Ninguén se para a pensar das facilidades que daría esta nun dos sectores máis produtivos do noso val?  Falo da madeira.

Logo tamén podo responder a unha pregunta moi repetida, os empregos públicos derivados dos concellos, que pasará con eles? Eu teño unha resposta clara, pero esta creo que xa non será tan benvida por certo sector. A redución de empregos dos concello claro que se dará, pero tamén existirá un aforro derivada desta. Sinto por todos aqueles que perderán o seu emprego pero non se pode manter a economía do noso val a base de contratos temporais e bastante precarios. A verdadeira finalidade dun concello non é xestionar os cartos en crear emprego para uns poucos, senón en aumentar a riqueza e calidade de vida da maioría dos habitantes. Isto non se consegue duplicando postos, existen outros métodos moito mellores.

Por último só queda falar doutro tema que se esta nas bocas dalgúns veciños do val; que pasará cos servizos que se están a ofertar por duplicado nos dous concellos? A resposta a esta pregunta eu véxoa tamén bastante obvia. Que culpa teñen os gobernos futuros ou mesmo os veciños das incompetencias dos nosos gobernantes. Acaso de debe manter un servizo que está a xerar perdas ou que non é necesario porque algúns decidiron que (xa que daquela había cartos) montar un "tinglao" para un servizo que xa tiñan os veciños a un paso dos seus fogares, en lugar de ofrecer a súa axuda o concello veciño para mellorar o servizo. Temos exemplo das piscinas municipais, das garderías, entre outros.

Para rematar, só me gustaría recalcar que eu só vexo unha manchea de vantaxes que pasan por riba dos problemas que pode crear a fusión dos nosos concellos. Ademais gustaríame que aquel que vexa un verdadeiro problema nesta unificación que o diga, talvez deste xeito por fin as dúbidas poidan quedar resoltas e todo se poida facer dun xeitos máis rápido e con maior cordialidade. Podédelo facer en comentarios nesta entrada e así podemos crear unha dinámica de debate para avanzar neste tema a un bo porto.

[Agora están activos tamén os comentarios anónimos, aínda que eu prefiro que se mostre a persoa que escribe. Só quero deixar algo ben claro, agora todo comentario no que se vexan insultos ou descalificación persoais será eliminado inmediatamente. O debate non implica unha discusión que derive en situacións incómodas (sobre todo para min) xa vividos neste blog.]

14 feb 2012

A ILUSIÓN COMO MOTIVACIÓN


Levo uns días a escoitar e calar, pero chégase a un punto no que o silencio é moi difícil de manter. Éme necesario botar fóra e cuspir todo ese conglomerado de sentimento e razón. Chegou a hora de dicir abertamente o que está a pasar pola miña cachola; un rapaz de 21 anos que leva moi pouco tempo a seguir a política e quizais non sexa ninguén , non teña a experiencia suficiente para mostrar a súa opinión sobre a situación actual do BNG. Pero, de tolos está cheo o mundo, por que non? Ó mellor ata hai sorte e teño razón ou polo menos máis que algúns que levan máis anos dentro do Bloque; polo menos presión institucional non teño ningunha.

Escotei repetir estes días as mesmas palabras continuamente: ego, personalismo, transfugismo, democracia, unidade… Pero estas palabras están lonxe de concordar co que eu penso, polo menos no contexto e coa finalidade que as usan.

Botan a culpa das recentes escisións ó ego e personalismo dunha soa persoa, Beiras; pero por que non se paran a contestar o motivo de que outras forza políticas tamén se estean a ir do BNG, que teñen pouco que ver coa persoa de Beiras nin co “beirismo”.

Tamén  están a tratar a todas as persoas que marchan do Bloque  como tránsfugas se estes teñen representación nalgún municipio, pero tampouco se paran a pensar que esas mesmas persoas pensan o mesmo dentro fóra que dentro do BNG e o seu plan municipal non cambia; ademais de que non se tratar de ningunha “traizón” individual por apoiar a “inimigos”, senón dunha separación dalgúns sectores ideolóxicos e partidos que levan a traballar internamente no BNG moito tempo. O declarar transfugismo a estas persoas sería poñer en máns da oposición, coa que o propio Bloque leva loitando décadas, o goberno municipal, sen pararse a pensar se con isto ós que estas a traizoar en realidade son ós votantes ó non saber o que estes opinan. Eu creo que se debería falar conxuntamente máis este tema, xa que ó quedarse en posturas tan extremas estase a botar abaixo o realmente importante que son os proxectos políticos, non os aparatos ou as siglas.

Tamén se repetiu bastante a palabra democracia despois do 29 de xaneiro. O resultado da Asemblea Nacional de Amio foi totalmente democrático, ata aquí dacordo;  pero igual de democrático é decidir que o camiño que querías seguir dentro non se ve posible pola actual dinámica interna do BNG.

Parello ó anterior vai moito a palabra unidade, que tanto escoitamos nos discursos estes últimos tempos. “A esquerda que non está unida perde forza”, pero igual que a falta dun proxecto común na esquerda e as rupturas fanche perder forza e apoios, a falta de autocrítica e o inmobilismo ó enfrontar derrotas provoca a tamén a debilitación e o descontento na fronte. Unidade si, pero non unanimidade, hai que respetar as ideas dos demais, se é que  unha fronte nacionalista plural e o que verdadeiramente se desexa.

Para explicar a situación pode ser bastante visual a introdución dunha metáfora (chamádeme poeta). Nun edificio non que viven varios veciños en propiedade, se a convivencia entre uns cantos veciños non é cómoda con outros; non teñen estes dereito a marchar e cambiar de edificio? Se non encontras unha vivenda na que te atopes cómodo, por que non se pode crear unha propia?

Ademais  se para eles non é de importancia a marcha dos irmandiños porque poñer problemas na súa ida. Se contando os militantes destes só teñen uns poucos centos de afiliados, son simples veciños dun décimo piso sen ascensor (volvendo as metáforas).

Eu penso que se perdes a ilusión nun proxecto podes probar noutro, se a estrutura vixente nun partido (neste caso fronte de partidos) non comparte a túa forma de ver as cousas tes todo o dereito a marchar e buscar ou crear un proxecto que te volva ilusionar.

Para rematar xa, eu concordo nas opinións que na esquerda e no nacionalismo (talvez máis neste último) a división fai perder forza , pero non caso do BNG xa se leva uns anos perdendo, así que se internamente non se cambian as cousas terase que crear unha alternativa que poida recuperar os apoios perdidos nos últimos tempos; xuntando a todas aquelas persoas con ganas de traballar por un novo proxecto galego, ou mesmo motivar a todos aqueles que están a facer política social fóra das institucións e que non atopan ou non  confían nos partidos políticos actuais. Existe a posibilidade de subir e iso é motivación suficiente para continuar.

Por último, como reflexión persoal: se tan ben o está a facer a dirección actual do BNG que medo hai a perder apoio, polo seu razoamento librarse dese lastre que os afogaba e lles facía perder poder nas institucións facilitaralles as políticas futuras. Coexistir cun novo proxecto non lles suporá ningún problema. Xa non haberá criticas internas, só haberá que centrase no verdadeiro inimigo, as políticas antisociais actuais. Ese e o verdadeiro inimigo tanto do BNG como do novo proxecto político que se pretende crear e queda moito traballo e loita.