14 feb 2012

A ILUSIÓN COMO MOTIVACIÓN


Levo uns días a escoitar e calar, pero chégase a un punto no que o silencio é moi difícil de manter. Éme necesario botar fóra e cuspir todo ese conglomerado de sentimento e razón. Chegou a hora de dicir abertamente o que está a pasar pola miña cachola; un rapaz de 21 anos que leva moi pouco tempo a seguir a política e quizais non sexa ninguén , non teña a experiencia suficiente para mostrar a súa opinión sobre a situación actual do BNG. Pero, de tolos está cheo o mundo, por que non? Ó mellor ata hai sorte e teño razón ou polo menos máis que algúns que levan máis anos dentro do Bloque; polo menos presión institucional non teño ningunha.

Escotei repetir estes días as mesmas palabras continuamente: ego, personalismo, transfugismo, democracia, unidade… Pero estas palabras están lonxe de concordar co que eu penso, polo menos no contexto e coa finalidade que as usan.

Botan a culpa das recentes escisións ó ego e personalismo dunha soa persoa, Beiras; pero por que non se paran a contestar o motivo de que outras forza políticas tamén se estean a ir do BNG, que teñen pouco que ver coa persoa de Beiras nin co “beirismo”.

Tamén  están a tratar a todas as persoas que marchan do Bloque  como tránsfugas se estes teñen representación nalgún municipio, pero tampouco se paran a pensar que esas mesmas persoas pensan o mesmo dentro fóra que dentro do BNG e o seu plan municipal non cambia; ademais de que non se tratar de ningunha “traizón” individual por apoiar a “inimigos”, senón dunha separación dalgúns sectores ideolóxicos e partidos que levan a traballar internamente no BNG moito tempo. O declarar transfugismo a estas persoas sería poñer en máns da oposición, coa que o propio Bloque leva loitando décadas, o goberno municipal, sen pararse a pensar se con isto ós que estas a traizoar en realidade son ós votantes ó non saber o que estes opinan. Eu creo que se debería falar conxuntamente máis este tema, xa que ó quedarse en posturas tan extremas estase a botar abaixo o realmente importante que son os proxectos políticos, non os aparatos ou as siglas.

Tamén se repetiu bastante a palabra democracia despois do 29 de xaneiro. O resultado da Asemblea Nacional de Amio foi totalmente democrático, ata aquí dacordo;  pero igual de democrático é decidir que o camiño que querías seguir dentro non se ve posible pola actual dinámica interna do BNG.

Parello ó anterior vai moito a palabra unidade, que tanto escoitamos nos discursos estes últimos tempos. “A esquerda que non está unida perde forza”, pero igual que a falta dun proxecto común na esquerda e as rupturas fanche perder forza e apoios, a falta de autocrítica e o inmobilismo ó enfrontar derrotas provoca a tamén a debilitación e o descontento na fronte. Unidade si, pero non unanimidade, hai que respetar as ideas dos demais, se é que  unha fronte nacionalista plural e o que verdadeiramente se desexa.

Para explicar a situación pode ser bastante visual a introdución dunha metáfora (chamádeme poeta). Nun edificio non que viven varios veciños en propiedade, se a convivencia entre uns cantos veciños non é cómoda con outros; non teñen estes dereito a marchar e cambiar de edificio? Se non encontras unha vivenda na que te atopes cómodo, por que non se pode crear unha propia?

Ademais  se para eles non é de importancia a marcha dos irmandiños porque poñer problemas na súa ida. Se contando os militantes destes só teñen uns poucos centos de afiliados, son simples veciños dun décimo piso sen ascensor (volvendo as metáforas).

Eu penso que se perdes a ilusión nun proxecto podes probar noutro, se a estrutura vixente nun partido (neste caso fronte de partidos) non comparte a túa forma de ver as cousas tes todo o dereito a marchar e buscar ou crear un proxecto que te volva ilusionar.

Para rematar xa, eu concordo nas opinións que na esquerda e no nacionalismo (talvez máis neste último) a división fai perder forza , pero non caso do BNG xa se leva uns anos perdendo, así que se internamente non se cambian as cousas terase que crear unha alternativa que poida recuperar os apoios perdidos nos últimos tempos; xuntando a todas aquelas persoas con ganas de traballar por un novo proxecto galego, ou mesmo motivar a todos aqueles que están a facer política social fóra das institucións e que non atopan ou non  confían nos partidos políticos actuais. Existe a posibilidade de subir e iso é motivación suficiente para continuar.

Por último, como reflexión persoal: se tan ben o está a facer a dirección actual do BNG que medo hai a perder apoio, polo seu razoamento librarse dese lastre que os afogaba e lles facía perder poder nas institucións facilitaralles as políticas futuras. Coexistir cun novo proxecto non lles suporá ningún problema. Xa non haberá criticas internas, só haberá que centrase no verdadeiro inimigo, as políticas antisociais actuais. Ese e o verdadeiro inimigo tanto do BNG como do novo proxecto político que se pretende crear e queda moito traballo e loita. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario