23 nov 2011

SELECCIÓN XA!


Ano 97 sae o primeiro número dunha revista que provocou un punto aparte na historia musical galega. Revista Bravú 1ºN, co titulo de Selección Xa!, nel un ía incluído un CD con 9 cancións coa colaboración de 4 futbolistas galegos históricos. Fran, Xosé Ramón, Michel Salgado e Nacho, cantaban con grupos da época pedindo unha selección galega de fútbol.


Tiveron que pasar uns cantos anos para que os galegos puideramos disfrutar dun evento desexado durante moitos anos, unha selección, un plantel de xogadores e un partido que moitos recordaremos;  unha noite de 29 de Decembro que ó compas do Fogar de Breogán marcaría un antes e despois no noso país.

Foron moitos anos de loita e traballo de moitos xogadores e militantes do fútbol galego para lograr este feito, conseguir unha selección para tódolos galegos. Queda na memoria un día de Novembro do 95, no que con máis ilusión que malicia, fixo algo que o marcou na súa carreira deportiva, un xogador da terra mostrou o seu desexo de xogar nunha selección galega antes que na española. Despois disto o “mal” xa estaba feito, as súas declaración sacadas de contexto, provocaron continuos ataques da prensa deportiva e numerosos asubíos nos campos de fútbol. Esta foi a historia dun veciño focense mostrando a súa ilusión por xogar algún día nunha selección galega, unha ilusión que non chegou a converterse en realidade, pero que foi un paso máis para a consecución do desexado evento, a pesar dos ataques que se produciron por certos individuos cara a súa persoa.


Uns individuos que son os que nos impiden na actualidade repetir un acontecemento que nas prontas datas do Nadal tería que repetirse. Motivos desta censura deportiva? Coma sempre vólvenos falar de que este é un evento caro, un evento innecesario, un evento sen beneficio algún…

Que me perdoen estes individuos que nos están a gobernar, fálannos de gasto innecesario; que non me fagan rir,que busquen mellor escusas. Falamos dun día no que un estadio de fútbol de Galicia se enche, con todos os cartos que xera isto. Falamos dunha manchea de empresas que daban o seu apoio económico neste día (a cambio de publicidade, claro) como Estrella Galicia, Gadis, R, Caixa Nova e Caixa Galicia (naqueles tempos) entre outras, creo que isto tamén xera bastante diñeiro.

Botando por baixo esta mentira, que xa os propios organizadores pasados deste evento desmentiron no seu momento, podemos pasar a mostrar os beneficios desta día de fútbol galego (que eles non ven).


Primeiro podemos falar dos protagonistas do evento, os xogadores. Non existen hoxe ningún futbolista profesional galego que xogue na súa respectiva selección, xa que na española non existe ningún, polo tanto este partido sería unha boa data para mostra a súa calidade ó mundo. Sen impedir que estes poidan ser incluídos na selección española  se esta os chama e eles o desexan, xa que a actual selección galega só realiza partidos illados, como fan noutros nacións do estado coma Cataluña ou Euskadi, ou mesmo outras 
menos sospeitosas de “separatistas”, coma Andalucía, Valencia, Canarias, etc. Primeiro beneficio.

En segundo motivo de peso podémolo atopar no futuro, si no futuro; no fútbol base galego. É difícil mostrarse en Primeira división,  e menos cos 2 equipos máis importantes en Segunda. A Selección creará unha gran ilusión entre os rapaces do fútbol base en Galicia; tal vez chegar a Primeira será difícil, pero a Selección sempre estará aí, xa sexa como trampolín (como falamos antes) ou para mostra o seu xogo a tódolos galegos. Por iso e porque ó mellor despois disto se ten máis en conta a canteira do país, aquí temos o segundo beneficio da nosa selección.

Agora vamos co terceiro e último motivo de peso para volver coa Selección. Falamos de xogadores profesionais e de fútbol base, agora toca falar dos que disfrutan tal sinalado día, cada galego que berra e anima o seu equipo nacional dende a grada ou detrás dun televisor. Por que coma xa dixen a xente enchía estadios de Primeira División nos partidos da selección galega, non se enche un estadio nun día de vacacións e de reunión familar como son as datas no Nadal (que todos acostumamos pasar na casa cos nosos) se non houbera un gran desexo de ver o teu equipo xogar contra grandes seleccións do mundo. Por ser o último non é o peor, aquí temos outro gran beneficio da selección galega.


Unha autopregunta miña sobre este tema sempre foi: “Por que se existe un día para celebrar o día de Galicia nunha catedral ou outro para sacar as forzas de seguridade do estado a rúa, non podemos celebrar unha festa do deporte galego cun gran partido de fútbol (??), fóra todo isto a calquera interese político, soamente o interese polo deporte de Galicia.

Por todo isto, non desaproveitemos o que conseguiron xogadores coma Nacho (o veciño de Foz do que falei antes), Fran, Otero, Michel Salgado, Diego Lopez… Galicia deu o único balón de ouro do Estado, Luís Suárez; así que sintámonos orgullos da nosa selección galega e desexemos con todas as forza que nestes tempos escuros, no que a censura duns poucos xogan coa ilusión de moitos, haxa un (re)volta.


SELECCIÓN GALEGA XA!

12 nov 2011

O DERBI GALEGO


Queda pouco, un día, apenas un feixe de horas para poder vivir un dos momentos máis agardados por moitos galegos (oxalá todos), o gran DERBI: Deportivo – Celta; partido para vivir e recordar (momentos inolvidables).

O fútbol un deporte de masas. Alá foron os 90, rapaces cos seu chándal dos equipos galegos na escola (Depor, Celta, Compos, tempos aqueles). Agora que ves, camisetas de equipos da meseta e máis aló ou mesmo ingleses ou alemáns. Os nomes máis repetidos nas zamarras, cataláns, madrileños, portugueses e arxentinos (xogadores alleos).

Onde foron os anos no que os rapaces vestían a camisolas dun equipo da terra levando as costas o 10 de Fran, o 2 de Michel Salgado,  o 14 de Jose Ramón, grandes entre grandes que compartiron vestiario con Bebeto, Mostovoi ou  Ohen e tiveron tanto ou máis protagonismo que eles.

Aqueles derbis onde se movían milleiros de seareiros galegos, os derbis de Galicia; onde foron parar todos estes deportivistas e celtarras. Acaso foi todo un soño ou é que foi todo outra moda capaz de que miles de rapaces levaran un sentimento de orgullo de ser dun equipo galegos (bendita moda). Outra moda coma a que impulsa a ser hoxe a ser do Barça, ou no seu tempo do Madrid.

Modas aparte, inda hoxe seguimos quedando algúns, persoas que non precisan cruzar fronteiras para sentirse cheos de orgullo ó ollar o seu equipo a loitar minuto a minuto ou a sufrir cando as cousas non ocorren como o teu corazón desexaba con todas as forzas.

Co Celta e o Depor (o Compos por desgraza perdeuse nesa loita por existir) en Segunda tal vez se volvan a repetir esas grandes tardes-noites diante do televisor ou nunha grada a berrar, chorar e suar cada minuto, cada segundo do teu equipo; minutos de dous grandes que deixaran pegada na historia do deporte galego.

Quizais non se volva crear ese impulso mediático arredor destes enfrontamento (non queren, non interesa, non é rendible) , pero ese pequeno  reduto de afeccionados (fóra de modas baratas) non precisan del para volver a converter un partido, no día do fútbol galego, do verdadeiro fútbol galego.

O sentimento fronte ó negocio. A loita fronte ó diñeiro. O orgullo fronte as modas. O fútbol galego sobrevive noutro domingo nos estadios de Galicia. Fóra acoplados, nada de segundos equipos, Celta ou Depor, ninguén máis. Non os necesitamos, todo o contrario molestan.


9 nov 2011

OS DOUS DE SEMPRE


Veño de ver nestes días ese grandioso debate, un gran evento televisivo no cal, segundo algúns, beneficia ó proceso democrático das eleccións. Vou dicir o que, traducido a linguaxe da rúa, queren dicir con está chea de palabras; falamos dun debate de dous partidos políticos, dous, dentro dun réxime político que consta de moitas máis voces, no que se gastaron unha manchea de cartos para que o “plan” desta parella, que non quere que este sistema democrático se saia deste bipartidismo que está a debilitar a decisión da cidadanía.
Polo tanto, que aportou este gran debate, este cara a cara dos maiores partidos políticos do estado. Dende o meu punto de vista, nada. Non se fixo máis que centrar este proceso electoral neste dous proxectos, sen aportar solución nin credibilidade dun cambio a MELLOR. Pero o que si conseguiron foi agochar as alternativas existentes cara esta fecha tan sinalada do 20 de Novembro.

Creo que xa todos temos bastante claro, ou deberíase saber o que representan estes dous organismos políticos, estes dous “pilares da democracia” que son o PSOE e PP.

Comezaremos a falar polos primeiros xa que foron os que levan gobernando nesta última etapa. O PSOE, Partido Socialista Obrero Español, ou iso é o que significan a súas siglas (eu so me quedaría coa primeira e a última e quitaría o resto, por experiencias pasadas e actuais). Eu vou mostra a miña opinión (que xa deixei caer en fíos anteriores). PSOE, un partido histórico con moitos anos de experiencia, formado xa hai máis dun século, como fórmula para representar o sector socialista-marxista da sociedade da época (se Pablo Iglesias soubera no que se converteu). Coa chegada da democracia a súa organización decidiu deixar de lado a súa definición como marxista, feito bastante peculiar. Deixemos a historia e falemos do hoxe; o PSOE eu penso que foi un partido co cal a sociedade de clase media (no seu momento) se veu representa,  un sector apolítico moi amplo que vía nel un partido que permitía vivir con certa comodidade, pero sen acabar ou , a lo menos, limitar coas elites económicas do estado. Todo isto en épocas de bonanza, ó pasar a etapas de crise as súa política de comodidade non se sostivo, sen querer romper e deixándose manexar coma monicreques os ditames desa caste économica-financeira á que non limitaron no seu momento. Con todo isto xa todos sabemos o que aconteceu a consecuencia disto.

Pasamos logo os segundos en discordia, esa oposición tan conciliadora destes últimos temos. O PP, Partido Popular, este si que concordan coas súas siglas. Partido con discurso “populista” (en resumo: queda ben) controlado polas elites das que falei anteriormente, un reduto sectario da poboación, que busca o beneficio propio extremo.  Unha estratexia de desprestixiar o rival da forma máis sucia posible, sen importarlles as formas (experiencias temos en Galicia), deixando nun segundo plano as súas políticas reais. Un partido herdeiro dunha caste antiga do nazionalismo extremo español. Un partido que engloba a totalidade da dereita dos estado (algo que case non existe no resto de Europa), dende a máis reformista ou conservadora á máis radical e violenta existente neste estado.

Concluíndo e deixando de falar do funcionamento desta parella tan fiel, que creo todos sabemos un polo menos intuímos. Que ocorrerá? O PSOE perderá (había dúbidas desto?) polos seus erros, non lle bastarán as súas propostas actuais que non fixeron no seu momento (por moi boas que sexan), perderon toda a súa credibilidade (polo menos a miña). O PP gañará entón porque existe un descontento xeral, sendo a única alternativa que nos venden. Que quero dicir con isto, que nun sistema político de dous, se un o fai mal o outro gaña. Pero non gaña por facelo mellor ou porque o fará mellor, senón porque o outro o fixo moi mal. O sistema electoral xunto co que non meten día a día polos ollos e orelas, de que só  existen dous e que hai falta de alternativas a estes. Non sei se os partidos fóra desta parelliña son perfectos, pero moito bastante mellores me parece que si (na súa maioría); chamémoslle falta de dopaxe ante intereses bipolares, beneficio  xeral fronte a propio.

Polo tanto, PSOE perderá pola súa culpa, pero o PP gañará porque a cidadanía non baseará a súa decisión nos seus proxectos políticos futuros. Non votará a proxectos políticos capaces de dar un cambio a MELLOR ou polo menos MÁIS capaces.

Sinto pero eu xa digo, sen acabar a campaña electoral, non votarei PP nin PSOE, porque non me representan a min nin á inmensa maioría de galegos e cidadáns do resto do estado. Pero que quede claro, tampouco me quedarei na casa sentado, porque non sirve de nada, o meu descontento farase notar na furna e do xeito máis efectivo, elixindo a propostas alternativas; porque por desgraza nin vota branco nin nulo son solución o problema con este sistema electoral.

Remato aquí esta nova entrada no meu blog despois dun longo tempo parado, no procurarei escribir máis decotío, aínda que sexa só para pasar o tempo e non lle saían toxos e felgos que o deixen a bravo.

19 jul 2011

A EUROPA TULLIDA

Estamos a ver claramente nestes tempos, que por moito que miremos para riba e estiremos o pescozo non atopemos alternativas reais dun cambio real na toma de decisións. Tanto a esquerda española como a europea non é máis que unha apoloxía do fracaso. A crise actual do capitalismo financeiro debería de provocar nos países onde esta a gobernar un debacle deste sistema, en cambio alí onde a esquerda europea goberna o único que fixo foi defender ó mesmo. Nestes feitos observase un certo surrealismo, quedando unha grande franxa de poboación sen unha representación real.

O electorado de esquerdas, desconcertado por esta situación, está a xirar a dereita populista máis rancia ou esta caendo na obtención que actualmente nos sirve de nada. Que lle ocorre pois a esquerda na Europa actual?

Nos últimos anos, tal vez décadas, a esquerda europea (na cal inclúo a estatal) abandonou as ideoloxías que máis definen o socialismo, caendo na definición de socialdemócratas e ata social-liberais, someténdose así o modelo do liberalismo; facendo nos últimos anos políticas pouco sociais do estilo de: privatizacións ocultas baixo pequenas redes de protección social, ou converténdose no peor dos casos en gobernos ultraliberais, ou ata só desaparecer en moitos países europeos (Italia).

Por todo isto na crise actual do modelo neoliberal europeo todos estes partidos de esquerdas quedaron ó descuberto e amosaron a súa verdadeira imaxe en gobernos asimilado nun sistema inxusto e que beneficia os máis grandes deixando os pequenos desprotexidos, nótase este posicionamento sobre todo polas políticas de recorte de todos os dereitos adquiridos nas loitas obreiras durante o século XX. Pasaron pois a ser o partido que representaba a algúns novos ricos e a clase media, para que ata este pasen a estar a padecer algunha das consecuencias dos seus plans de recorte, que lles viñeron impostos pola ultradereita europea.

Ó final todo isto o que está a provocar é que a sociedade sexa arrastrada á “dereita”, xa que esta esquerda liberal non da ningunha mostra de ser alternativa, caendo a xente nas mans de partidos políticos populistas que nos prometen o ceo pero só nos levarán ó inferno.

Por iso fará falta tempo para que estas encontren un novo alento. Xa que o contrario que a dereita estes si que necesitan unha reformulación e voltar a crear partidos cercanos á cidadanía adaptados á actualidade, se non queren caer na desaparición coma nos Estados Unidos.

Entón que necesitan todos este partidos denominados de esquerdas para volver a representar a esa parte da sociedade que abandonaron. Eu creo que se necesitan tres puntos moi claros.

O primeiro debe ser a autocrítica, xa que deben ver todo o que fixeron mal nos últimos anos e analizalos profundamente para non volver a caer neles.

O segundo será a definición dos novos valores da esquerda, volvendo  a recordar toda a ideoloxía que os definiu na súa creación e adaptándoas ós novos tempos, xa que a situación actual non e igual a que se deu fai 100 anos.

A terceira e última é a asimilación das últimas revolucións sociais, do estilo do 15-M, e a toma da gran maioría das propostas que estas lanzaron para cambiar a estado democrático actual.

Para rematar, na miña opinión todo isto da reformulación daría lugar a un desaparición dos partidos chamados socialdemócratas tal como os coñecemos, e a creación de novos partidos que se organicen dun xeito horizontal, para non estar rexidos por unha elite acomodada e así desxerarquizar a política para que todos os militantes dese partido gocen dos mesmos dereitos na toma de decisións.

12 jul 2011

Primeiro programa de "A Cova dos Sons"

Aquí deixo a todos os que non puideron escoitar a estrea do primeiro programa de "A Cova dos Sons" de Radio Valadouro.

A verdade é escoitei algún pedazo e non quedou tan mal como pensaba, pero todo debe mellorarse e hai que coller práctica que nestas novas facetas radiofónicas estou en realidade algo verde.

Déuseme a oportunidade dentro de Radio Valadouro de facer un programa deste formato, defendendo a lingua galega  nos medios de comunicación e collina con toda a ilusión do mundo. Para min este tipo de programa e moi necesario e a vez moi válido na actualidade e eu apostarei por el mentres o tempo mo permita.

   

Grazas a todos por escoitar a estrea deste programa, agradezo a todo aquel que o escoite que comente o que lle pareceu neste blog, así poderei ir mellorando pouco a pouco, para conseguir así un programa de maior calidade.

* Irei colgando os programas semanais neste blog, para poder escoitalos entrade en A COVA DOS SONS pulsando na pestaña da páxina principal. 

6 jul 2011

A COVA DOS SONS

Chegou o verán é algúns temos máis tempo para dedicarnos a outras actividades alternativas fóra do estudo. Xa levo algún tempo colaborando nalgún programa da Radio Valadouro, e a agora nas vacacións déronme a oportunidade de poder facer un novo programa na radio do noso val. A Radio Valadouro pode ter cousas boas e malas pero o que ninguén me pode negar é que non todos os concellos, como son os do Val, teñen un radio local propia.


Por iso ó ter nós unha radio local alternativa podemos facer programas tamén alternativos que os outros medios non queren ou non deixan facer, por iso teño a oportunidade de facer un programa de música galega que nin na Radio Galega nin noutra cadea radiotelevisiva galega lle dan un pequeno recuncho.  Só están o Planeta Furancho na Radio Galega Música (que non chega a todalas localidades e nalgunha non se escoita ben) e está Música Ambiental en V Televisión (pero creo qu xa todos sabemos como funciona La Coz de Galicia).

Algúns diranme como se pode encher un programa completo con música só en galego, eu direilles que a música galega da para encher un programa enteiro non só semanal senón diario. A experiencia está aí e existiu outro programa na Radio Galega non hai moito, que dedicaba todo o seu tempo á promoción da música en galego,  o seu nome era ‘Aberto por Reformas’ e ata que chegaron a CRTVG os telegaiteiros de sempre estivo xogando un papel moi importante na dinamización da música galega e en galego.


Non vou compararme cun grande coma Xurxo Souto á hora de poñerme a facer un programa de radio musical, pero gañas teño moitas e iso creo que me  axudara bastante. Quizais sexa difícil atopar a mesma cantidade de grupos que nese gran programa que foi Aberto por Reformas, pero a Internet está hai (e se a SGAE mo permite) buscarei todo o repertorio musical que o meu portátil aguante.

Xa meténdome máis no que vai ser  o programa podo dicir que “A Cova dos Sons” será un programa onde terá cabida todo tipo de música sempre que este cantada na nosa lingua nai e repartirei espazo do programa máis ou menos en tres seccións:

-         -    A primeira será unha pequena análise sobre a historia da música galega, comezaremos  nos 70 e iremos avanzando ata hoxe, pasando polas Voces Ceibes, os Andrés do Barro e Pucho Boedo, o Bravú e toda a grande historia da música galega.

-         -   A segunda será unha homenaxe a algún músico ou grupo importante da nosa música onde terán pé tanto Miro Casabella, Andrés do Barro, Os Resentidos, Os Diplomáticos,  Os Herdeiros e un longo etcétera durante catro décadas nas que grandes voces usaron a lingua nai para crear música.

-        -    A terceira será unha sección dedicada completamente a coñecer  a novos grupos emerxentes que están a surxir no rico panorama musical galego actual, movéndose por todos os estilos musicais dende o rock, punk e metal máis moderno ata o mestizaxe e o folk galego máis tradicional.

Para todos os que queiran saber como vai ser este programa, inda que soamente sexa para escoitalo durante uns minutos, anímovos a que sintonicedes Radio Valadouro no 107.9 cada luns durante este verán a partir da oito da tarde e ata que o corpo aguante.

 Porque neste panorama tan contrario a difusión da cultura galega son as pequenas iniciativas as que crean a base para a normalización e difusión da nosa lingua galega.

E  para rematar e como diría o xa nomeado e meu gran ídolo Xurxo Souto, SAÚDE  E OCÉANO.

21 may 2011

CANSOS XA!!

Éranos hora xa os xoves que estamos a vivir neste Estado que algúns chaman democrático e plural sairamos a protestar todos xuntos contra estes gobernos que se veñen a dar durante os últimos anos, tal vez ata décadas (a miña memoria non chega ata tan lonxe). Din nesta masivas protestas que o Estado actual non nos representa e esta democracia chamada ‘representativa’  só representa as elites financeiras. Todas estas protestas, que me fan por fin estar orgulloso de pertencer a xuventude actual, teñen a súa cabeza visible na plataforma Democracia Real Ya; porque se farán chamar así?.


Escoitei falar a varios intelectuais progresistas, como poden ser Saramago ou Beiras, un factor moi importante da democracia actual na que coincidían. A democracia actual non pode ser chamada democracia, porque os que verdadeiramente están a rexer a toma de decisións dos gobernos non son institucións que sexan elixidas democraticamente. De que institución estamos a falar, pois estas organizacións amplamente coñecidas por todos son: a Banca Intencional, o Fondo Monetario Internacional, as organización empresariais internacionais, etc.

Que provoca logo que un Estado este gobernado por estas institucións, as que adoitan reciben o nome de “mercados”?  Os mercados non pretenden un benestar social para a cidadanía, senón o que perseguen o seu propio benestar (beneficio individual). Causante disto é a actual crise que vivimos “algúns”, mentres estes gozan de beneficios e os seus ingresos son produtivos a sociedade vive cómoda, cunha clase media que se pode permitir vivir por enriba das súas posibilidades; pero en canto estes ingresos non son produtivos ocorre o que está ocorrer, que os “verdadeiros” gobernantes desta sociedade a quen recortan o seu dereitos ó benestar son a esa clase media que se foi creando como residuo dos seus abusos mentres, como se viu nas cifras, os ricos seguen a manter os seu beneficios, e non só iso , senón que ata os ampliaron. Por isto e polo que se denomina a esta democracia unha FARSA e se loita por unha democracia REAL.

Pero este movemento non saíu só como un forma de protesta, senón que tamén propuxeron medidas para a solución do problema. Medidas estas tomadas pola cidadanía de a pé, sen contar con ningún tipo de elite, nin financeira nin política nin sindical.

Como e cales son estas medidas? A súa simpleza e tal que se poden resumir nun pequeno espazo, exemplificando así o sinxelo que é tomar decisións desde o sentido común e sen ter como outro fin o beneficio da ampla maioría da sociedade. Resúmoas aquí nunha poucas liñas

En canto o de tomar medidas para a clase política, só din que se deben eliminar os grandes privilexios que estes foron adquirindo durante estes últimos tempos de bonanza económica. Que privilexios son estes? Pois o control do absentismo laboral, sancións a renuncia de funcións, supresión do pagamento de impostos, equiparación do seu salario ao salario medio español, imprescribilidade dos delitos de corrupción e , por último pero non menos importante, a publicación obrigatoria do patrimonio de todos os cargos públicos.

Tocando o tema do desemprego din cousas de gran importancia como: a repartición do traballo fomentando as reducións de xornada laboral e conciliación laboral ata rematar co desemprego estrutural, xubilación os 65 anos e ningún aumento de idade ata rematar co paro xuvenil, bonificación para empresa con menos dun 10% de contratación temporal, imposibilidade de despedimentos colectivos ou por causas obxetivas nas grandes empresas mentres haxa beneficios e restablecemento do subsidio de 426€ os parados de longa duración; todo moi simple pero a vez moi contundente indo a base dos problemas.

No dereito vivenda din que o Estado debe de expropiar as vivendas construídas en stock para venda e logo colocalas nun réxime de alugueiro protexido e ademais que se permita a dación en pagamento das vivendas para cancelar as hipotecas.

Tamén din cousas importantísimas en canto os servizos públicos: establecer un control independente de presupostos e gastos da Administración, contratar persoal sanitario ata reducir as listas de espera, contratación de profesorado para garantir alumnado en grupos reducidos, restablecemento dos trens que están a desaparecer polo AVE cos prezos orixinarios e, tamén poñendo as mirar cara os nosos maiores, aplicar efectivamente a Lei de Dependencia.

Falan abertamente, sen medias tintas, de controlar as entidades bancarias mediante a prohibición de rescates de capital (toda entidade en dificultades debe quebrar ou ser nacionalizada para constituírse como banca pública), elevación de impostos a banca proporcionalmente os gastos sociais que están a provocar, devolución as arcas públicas de todo o capital achegado, prohibir o investimento en paraísos fiscais e regular as sancións a todos os movementos especulativos da banca.

En canto a termos de fiscalidade din cousas tan simples, pero a vez tan necesarias, como o aumento do tipo impositivo a grandes fortunas, recuperar o imposto sobre o Patrimonio, control real e efectivo da fraude fiscal e tamén da fuga de capital a paraísos fiscais e ademais falan da promoción internacional dunha taxa para as transaccións internacionais (limitando así o libre comercio que arruína os pequeno e mediano comercio).

Despois tamén falase das liberdades cidadás, que tan atacadas están a ser ultimamente, son moi claros en canto á abolición da Lei Sinde (seguro que están a pensar agora que ben se estaba cando os xoves pasaban o día descargando de Internet en vez de na rúa). Din algo non moi usual como o de dotar de referendos obrigatorios (e vinculantes claro) para cuestión de grande calado social, achegando así a política a cidadanía que esta a ser moi necesario. Unha proposta sobre a que eu estou moi de acordo e a de modificar a Lei Electoral, xa que o “bipartidismo” no que vivimos non ten a capacidade de darlle cabida a todos os pensamentos da persoas de a pé; modificando a validez real do voto en branco, xa que este só esta aí para que os grandes partidos se beneficien del e eliminar así partidos máis pequenos (que por ser así, pequenos, non teñen porque ter unha representación nula). Ademais tamén falan da independencia do Poder Xudicial, como estamos a observar están a ser moi controlados polos “dous de sempre”, claro exemplo o Tribunal Constitucional.

Dende  a miña opinión este sistema democrático debe tornar dun réxime representativo  (estes representantes non nos representan) a un réxime participativo  que  ofreza ó cidadán unha capacidade de participar en decisións para crear unha economía socialmente xusta e humanista promovendo un ambiente de cooperación, xa que o cidadán así ve directamente as consecuencias das decisións tomadas por e para todos.

Agora para finalizar tócame tal vez falar de soños, dos meus soños para este estado. Para min un Estado ideal sería un estado socialista onde o goberno central estaría composto dun xeito de tres cámaras,  unha cámara executiva electa dende un sistema xunto e participativo, con partidos que estean organizados dun xeito asembleario e non dun xeito xerarquizado e elitista; unha segunda cámara rexional onde estean representadas as diferentes e diversas rexión e nacionalidades deste estado plural e unha terceira cámara con presenza sindical real, onde o traballadores poidan exercer a súa opinión sobre as políticas que se deben tomar en beneficio dos seu emprego e así non teñan que existir sindicatos que teñan que estar afíns a ningún partido para ser escoitado. Claro esta que este estado, que tal vez nesta sociedade sexa utópico ou imposible, debería ser republicano e federal. Por que republicano? Vivimos no século XXI é para min a monarquía e un ataque contra a intelixencia do ser humano, como crear un sociedade de iguais se existe un elite que por razón de sangue ten dereitos superiores ó resto. E por que o de federal? Pode que isto lle doia a moitos, pero o que eles intentan esconder dentro dun patriotismo obsoleto existe, o Estado Español goza dunha pluralidade cultural e xeográfica que provoca que non se poida gobernar desde as directrices dun centro, senón que require ser gobernado dende fóra cara o centro,  non falo de independismo senón dun federalismo real, nin tampouco de autonomías ou rexións.

2 abr 2011

POLÍTICAS DE ASFALTO

Están próximas xa as municipais e nótase no ambiente, ese cheiro a alquitrán, esas estradas cortadas, eses sorrisos falsos, esas palmadiñas na espada, eses longo apretóns de mans e , sobre todo, esas infinitas promesas de “se saímos outra veza xa…”. Máis do mesmo, pasan os anos de catro en catro pero non cambian as formas de facer política nos concellos do val; esperando sempre ó último momento para facer obras para que estean recentes na cabeza dos votantes e ir comprando favores de casa en casa para non caer dese pedestal no que se sentan o “grandes” políticos dos nosos concellos.

Vimos de celebran unha festa da xuventude no concello de Alfoz, anda si se acordaron deles? Canto tempo durou, unha noite. Acabou a festa e acabouse todo, que casualidade que fora tan preto das municipais. A verdade e que neste concello sempre se preocuparon polos xoves, demostrado queda con feitos coma o de que os rapaces aínda non lles é posible ir bacharelato a Burela en bus, un autobús que custa a miserable cantidade de 130€; nos meus tempos 65€, e non foi fai moitos anos. Se non se preocupan pola educación dos novos logo, do traballo? So falta ver os xoves que están a traballar hoxe en día no val. Pero eles dirán que estamos en crise, eu digo, é fixeron algo contra iso, nada.

Xa que quitei aquí este gran tema, o traballo, que rexeitamento produce esa palabra nos nosos actuais gobernantes, iso de crear traballo para todos en lugar de para os seus “amigos” non os motiva nada. Cal será o motivo? Podo ser malpensado e dicir que isto débese a que tremen o pensar que están a darlle emprego a xente a cal non lles vai votar, intentando así que marchen fóra dos seus “dominios” e así non molestar. Podo dicir tamén que son tan folgazáns que non queren gastar enerxías nun feito que non lles vai proporcionar ningún beneficio directo, xa que eles traballo xa teñen e para os seus familiares e amigos xa se amañaran nun futuro para encontrarllo. Ou xa por chegar ata o inimaxinable, o motivo é que estas persoas non teñen capacidade real para conseguilo, porque as súas cabeciñas non están preparadas para realizar tales tarefas, están limitadas só as cacicadas de sempre.

Por iso agora que se achegan as municipais, debemos buscar alternativa, un grupo coa forza da imaxinación, coa rebeldía, con decisión e sen complexos, que escoite a opinión dos veciños, para ser así un veciño máis e non un simple “político”, levando así a política á normalidade; sacudíndonos así da caspa das políticas antigas que non só non resolven nada, senón que provocan o afastamento do pobo do réxime democrático, desconfiando estes desta clase política, dicindo día tras día a mesma frase: “Todos son iguais, tanto da uns que outros porque isto non vai cambiar”.

Porque non podemos cambiar? O val e un gran pobo, traballador, preparado, emprendedor, temos que confiar en nos mesmos e perder o medo para lavarnos destas políticas que cheiran. Construír un concello do que se sintan orgullosos os seus veciños. Porque estes concellos si que existen en Galicia, e desde as últimas municipais estase a notar un cambio desde abaixo, existen xa concellos renovadores que usan políticas para as maiorías, estes concellos existen. Sexan concellos rurais como San Sadurniño (pobo preto de Ferrol) que coidan o seu contorno natural e histórico logrando así unha vida mellor para os seus; sexan pequenas vilas coma Ribadeo ou Mondoñedo, esta última esta a facer as cousas ben a pesar de estar afogada na débeda que os antigos mandatarios lles fixeron herdar coas súas cacicadas; ou sexan xa grandes cidades coma Vigo que experimentou un gran cambio, a mellor, despois de que xente con desexos de mellora chegaran o concello e facendo política e campaña dende os seus principios e non como un simple cálculo electoral.

Por todo isto, e xa para rematar, só me queda dicir que somos nos os que temos nas nosas mans o cambio do noso concello, apostando pola alternativa lonxe dos grandes partidos rexidos desde Madrid que só buscan en nós unha reserva de votos máis, sen atinar nas súas políticas e sen buscar o ben do seus votantes e do seu pobo. Por iso debemos sacar a cabeza deste lixo de vida, e pensar que nós merecemos algo máis, que nós xa non queremos emigrar máis, queremos ficar no noso fogar de toda a vida, da nosa infancia, o dos noso pais e avós. Por iso estes non son tempos para chorar debemos obrar tendo en mente que ese papel, que moitas veces sen saber o seu verdadeiro valor, que introducimos na furna ten a capacidade de converter estes concellos nos que vivimos e nos que queremos seguir a vivir nun lugar moito mellor. Hai que perder o medo, non nos podemos agochar máis.

19 mar 2011

OS ATAQUES Á LINGUA

Eu quero galego
Despois dun largo parón no meu blog, volvo a retomar o tema que quedou no aire na anterior entrada, falarei entón agora dos graves ataques que está a sufrir a nosa lingua nestes mesmos intre, inda que estes veñen xa de moi lonxe xa que o galego nunca lle deixaron vivir en paz.

Falando da situación actual, o galego sempre foi considerado unha lingua inferior e dende o poder sempre se intentou acabar con el, pero neste momento os ataques pasaron a ser moi serio, buscando con toda a forza o exterminio da fala galega.

Este ataques pasaron se ser un simple desprezo  e unha consideración de lingua inferior que so falan os “aldeanos” e xente “ bruta” e “inculta” á busca da súa desaparición debido a que segundo eles nos últimos tempos se esta a impoñer en Galicia.
Pasemos agora a falar xa directamente do decreto. En primeiro lugar as bases elaboradas para o decreto do plurilingüismo foron aprobadas baixo un ocultismo sospeitoso, xa que foron aprobadas durante o período de descanso do Nadal de 2009.

Logo tamén podemos dicir que decreto supón un retroceso con respecto a todos os decretos desde o 83, retrocedendo así na Normalización Lingüística a épocas tan feroces como a época da ditadura franquista. A bases deste decreto teñen como fin a eliminación do noso idioma como lingua útil, castrando as novas xeracións do seu uso impedindo que estas gañen falantes.

As bases presentadas por Feijoo reducen o uso do galego nas aulas a un 50% no Decreto 124 e no Plan Xeral de Normalización a un 30%. Mais o articulado aquí está disposto de tal maneira que nin se cumpra esta porcentaxe xa que pasa a ser lingua de materias menos recoñecidas e valoradas socialmente; este porcentaxe establece un retroceso de 30 anos  situándonos, como xa dixen antes, por detrás do 1983.

Falemos pois das distintas etapas da educación. En Infantil eliminase a obriga do 50% de lingua galega, isto presenta unha desaparición do galego nos contornos castelán falantes, o que provoca unha maior perda en áreas onde xa se vivía unha situación extrema. En Primaria o galego pasa a ser unha lingua residual, o deixar de ser o idioma de docencia de materias tan importantes como Coñecemento do Medio e Matemáticas (que se viñan impartindo desde o 87), co que se perde o galego de  dúas materias coas que acadabas a metade do horario lectivo semanal; pero esta perda nos medio só apareceu como unha mínima perda de 2 materias (outra da mil formas de manipular a verdade). Na ESO expulsase a nosa lingua de materias como Matemáticas e Ciencias Sociais e no Bacharelato e FP a proposta remítese a tempos anteriores o 87 onde na que só se recollían 2 materias que se impartían en galego, este baleiro de non nomear materias  a impartir en galego o único que provoca é unha involución.

Outra das bases importantes des Decretazo é o de desprazar o galego como o idioma da administración educativa, que supón un retroceso por detrás do primeiro decreto do 83 e da orde do ano 87 da Alianza Popular onde se dicía claramente que o galego “é tamén a lingua da Administración educativa” (artigo 1º), que “Os centros de ensino de toda Galicia farán da lingua galega o vehículo de expresión normal nas súas actividades internas e externas” (artigo 2º), ou que a documentación dos centros “redactarase en lingua galega” (artigo 4º). Fronte a isto as bases presentadas por Feijoo falan exclusivamente de potenciar e fomentar o uso da lingua galega.

A voz da experencia dos maiores
 Outra involución moi significativa é que o alumnado pode usar nas materias impartidas en galego a lingua oficial que el prefira (pero non di nada do caso contrario co castelán).
As bases presentadas ademais falan so fomento de publicacións en castelán e mudan a denominación dos equipos de normalización lingüística pasando a chamarse de “dinamización” (como unha palabra pode dicir tanto da finalidade dun proxecto).


Polo dito, podemos dicir que este decreto presenta un incumprimento xurídico? Polo exposto estamos ante unha nova lei que vai máis atrás do réxime autonómico, polo tanto incumpre a lexislación vixente. Ademais a Lei de Normalización Lingüística afirma expresamente que ‘as autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino’, por este motivo unha nova regulamentación terá que ir máis alá do que di o decreto do 83,o do 95 e mesmo o que di o do 2007, outro fallo a lexislación. Pero tamén se está a incumprir o propio Estatuto de Autonomía,que establece que “os poderes públicos potenciarán o emprego do galego en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, cuestión que obviamente este decreto non recolle; ó mesmo tempo Estatuto de Autonomía di que lle compete á Comunidade Autónoma Galega “exclusivamente a promoción do ensino da lingua galega”, que se incumpre cando se di que se quere trasladar esa potestade aos pais e nais.

Podemos tamén nomear a “gran innovación” do denominado trilingüismo. Esta proposta de impartir un 30% en castelán, un 30% en galego e outro 30% soamente é outra medida discriminatoria que non suporá unha mellor aprendizaxe do inglés, senón que terá consecuencias contrarias cun incremento do fracaso escolar, unha maior diferenza entre os distintos centros (elitismo) e unha división do profesorado que non esta amplamente preparado para o ensino en inglés. Por isto considero esta medida  unha proposta aberrante, como se pode dicir que cun fracaso escolar dun 25% e cun baixo dominio do inglés se intente pasar este idioma a outras materias  que xa son difíciles de comprender para o alumnado na lingua nai. O único fin que persegue isto é a redución do galego como lingua vehicular en moitas materias sen substituíla directamente polo castelán.

Para rematar podo resumir  en varios puntos todo o que vai supoñer as bases presentadas polo PP  con este decretazo contra o galego.

1.       1. O goberno da Xunta desfaise de todas as súas responsabilidades e traspasa o conflito os centros educativos coa intención de crear unha discusión social e potenciar a eliminación do galego do ensino.
2.       2. Converter o galego nunha lingua de museo, como xa ocorreu noutros países como en Irlanda co gaélico, en lugar de crear un estado de linguas con igual importancia, como ocorre noutros países coma Suíza; pretendendo así acadar unha total substitución lingüística.
3.       3. Inventar novas guerras apoiándose en xustificación falso como a da imposición do galego e a de que se pretende a desaparición do castelán, cando só é necesario un dato para comprobar que a situación é totalmente contraria; este dato é que en dez anos a nosa lingua sufriu un retroceso dun 50%  como idioma inicial dos galeg@s.

Cal sería pois a solución para este gravísimo ataque a nosa querida fala, non tan querida por outros. En primeiro lugar concienciar a xente que o galego esta nunha situación moi precaria e soamente cun uso no día a día normalizado conseguiremos que non desapareza.  No caso da educación, a única solución por radical que pareza, é non cumprir a lei, seguir usando os libros antigos en galego e impoñer así a verdadeira vontade do pobo galego de usar a nosa lingua nai.

Remato así con este tema que xa me estaba a requeimar por dentro e necesitaba baleirarme del con esta entrada. Prometo  continuar coa redacción de novas entradas neste blog agora que o tempo mo permite. Xa teño un tema pensado un novo tema no que serei amplamente crítico xa que ultimamente ocorreron certas situacións que  fixeron ferver o sangue, aínda que a verdade é que ten un punto de ebulición bastante baixo.

1 feb 2011

SOCIEDADE DE MENTIRAS

Estamos a vivir nun tempo en que o noso mundo está marcado diariamente polas mentiras. Mentiras que dende o poder din aproveitando o medo que a dia de hoxe a xente ten a perder o pouco que lles queda despois de baleirarse os petos para  pagar unha crise da que eles non teñen ningunha culpa.

Estas mentiras provocan que na actualidade se estea a perder todo aquilo polo que os nosos antepasados loitaron. Chegando a atacar estas a dereitos básicos como o dereito a un traballo digno, a unha pensión apropiada a todos os anos de esforzo ou o dereito a poder  usar a lingua que dende pequeno mamaches e a cal lle tes o máis grandes dos cariños.

Empecemos pois a expoñer a miña opinión en contra das numerosas políticas e ataques que realizaron os distintos órganos de poder, sen importar a súa cor.

Comezamos logo polos ataques sufridos polo traballador. Falamos con isto da reforma laboral, unha reforma que non crea emprego, pero si que vai servir para que algúns fagan negocio a conta das persoas desempregadas e tamén para aumentar as desigualdades e discriminacións no acceso ao emprego. Neste aspecto o obxectivo non é nin crear emprego nin repartir o existente, senón aumentar a competitividade das empresas á costa dos dereitos laborais e salariais da clase traballadora.

E cal e motivo polo que a grande reforma laboral feita polo goberno non vai crear emprego, pois porque a crise na que estamos somerxida non ven provocada polo mercado de traballo; pero as consecuencias desta serán, debido ó aumento na flexibilidade no despido, ó aumento dos despidos e o de contratos temporais.

Polo tanto se esta nova lei non amaña nada, cal son os motivos da súa creación? A resposta é sinxela que as grandes empresas non teñan unha baixada nos seus beneficios, sen ter que aumentar estas a súa produtividade.


Que ocorre logo se non se aumenta a produtividade e  existen menos persoas a traballar? Pois que a saída da crise será máis lenta, como estamos a observar a comparanza cos outros países que a están a sufrir. Pero isto non importa porque mentres, as elites financeiras seguirán a vivir no seu paraíso de comodidades mentes a clase obreira paga os pratos rotos das súas especulacións.

E falando agora da parte que a min máis me afecta, cal é a situación dos xoves galegos de entre 16 e 29. Os datos din que o paro xuvenil en Galicia foi do 34,6% no 3º trimestre do 2010 para a mocidade entre 16 e 24, sendo esta a máis elevada do Estado, e para os de 25 e 29 do 19,5%, o cal supón unha cifra de 64.800 mozos e mozas no paro. E para aqueles que aínda conservan o seu posto de traballo, este é temporal sendo a taxa de temporalidade para a mocidade de entre 16 e 14 do 69% e no caso da mocidade entre 25 e 29 do 45,8%, conseguindo desta maneira uns salarios moi baixos e inferiores a salario medio en Galicia, a pesar de que a mocidade galega é, hoxe en día, a máis formada da historia.

Que logran con isto tanto o goberno autonómico como o estatal, adoptando axustes económicos como terapias de choque para saír desta crise, que ademais son inxustos socialmente, regresivos laboralmente e equívocos economicamente, xa que comprometen as posibilidades de crecemento económico e de creación de emprego. A consecuencia final destas políticas é o sometemento ao que ditan os mercados financeiros, que son os verdadeiros causante da crise.

Pasemos agora ó segundo termo, a nova reforma das pensións. Necesaria? Xusta? Soluciona algo?

Primeira cuestión é se en realidade esta é necesaria. Comecemos expoñendo os motivos que o poder da para esta reforma. Estes motivos quedan resumidos dicindo que din que o
 envellecemento  da poboación alcanzará unhas cotas no que o sistema de pensións será insostible. Ademais existen certos economistas contratados pola banca que fixeron un bo número predicións alarmistas sobre o déficit ó que se chegaría co sistema da Seguridade Social para os anos 1995, 2000, 2005, 2010 e agora para o 2050 (unha fecha moi cercana para predicir), nunca acertaron, nin sequera para o ano 2010 no que o número de parados é de máis de 4 millóns, e no cal o sistema tivo unha superávit mínimo de 278 millóns pero compensado sobradamente polo ingreso dos intereses do fondo, obtendo un superávit de 2.383 millóns de euros.
 
Podemos dicir que segundo a poboación se vai envellecendo normalmente o gasto público en pensións vai aumentando, baseándose este en 2 factores: o número de pensionistas, que adoita ser maior segundo a poboación é máis lonxeva, e a contía da pensións. Polo que pode aumentar o envellecemento e non o gasto se se vai baixando o valor da pensión.

Logo é lóxico que se un país se desenvolve e ten un mellor sistema sanitario e unhas condicións de vida máis saudables, aumenten os anos de vida da poboación e que iso provoque que haxa un maior número de persoas que queden fóra da vida laboral a partir dunha certa idade. Tamén é lóxico, aínda que isto se cala, que a medida que se vai dando este desenvolvemento, aumente a produtividade, polo que cada vez un menor número de persoas traballando poden soster coa súa actividade a maior número de persoas inactivas.

En troques de presentarnos estas dúas circunstancias xuntas, teñen a teima de presentar só a primeira como orixe dunha futura crise non sistema público. Desto deducen que se debe reducir o número de pensións aumentando a idade de xubilación e reducir tamén o valor desta pensión aumentado o tempo de cálculo.

Debido a isto tamén se esta a producir unha propaganda dun réxime de pensión privadas. Unha propaganda que esta motivada polo medo da poboación a non ter garantida unha pensión digna.

Pero temos que ter presente que detrás destes argumentos propostos dende os poderosos non existe ningún fundamento e so consta de mentiras.

Na subscrición a estas xubilación  dende capital privado, hai dúas trampas.

A primeira é obvia, se o 60% das familias non da chegado a fin de mes non existe a certeza de que un poida aforrar.

A segunda é o que se está a ocultar a aqueles que  se subscriben a un plan de pensións privado:  a súa rendibilidade é mínima e case sempre negativa, ao ter estas en conta suba dos prezos.

Volvendo ó importante deste tema, que son as pensión públicas, podo dicir que o máis grave é que á hora de dar conclusións sobre as consecuencias deste maior gasto público en pensións non se teñen en conta outros factores ou simplemente minimízanse. Se de verdade se quixese garantir o equilibrio financeiro do sistema público de pensións, que depende dos seus gastos e ingresos, non se deberían poñer sobre a mesa só propostas para a redución dos gastos senón tamén outras dirixidas a incrementar os ingresos do sistema. Co que estamos a facer, só fomentando o recorte de gastos, simplemente se consegue empeorar a condición de vida da poboación pensionista, a de agora e a do futuro, unha forma bastante revirada de resolver os problemas do sistema. O correcto sería falar tamén dos factores dos que dependen os seus ingresos. Como aumentar o emprego e sobre todo o da poboación feminina, como aumentar o peso dos salarios na renda total para que así haxa máis capacidade manter pensións máis dignas, ou como incrementar a produtividade. Ou porque non para variar as tendencias das últimas décadas, como mellorar o sistema fiscal para facer ingresos ao sistema pola vía dos soldos máis altos, xa que serán eles os que percibirán tamén unha pensión máis alta. Mentres non se fale de todo isto senón só de aumentar a idade de xubilación e alongar o período de cotización estarase facendo un debate inxusto e falso que non beneficia ao futuro da seguridade social senón que o debilita.

Dende a miña opinión podo chegar aceptar a suba da idade de xubilación, xa que a novas xeracións acceden a un posto de traballo estable cada vez máis tarde e un incremento de dous anos ata os 67 non e unha cota de subida tan elevada. Pero algo que eu non podo dixerir é a subida dos anos de cotización a 38 anos e medio, como unha persoa pode comezar a cotizar os 26 anos “e medio” se na actualidade existe, como xa dixen anteriormente, un 34,6% de paro entre xoves de 25 e 29 e ademais uns contratos temporais do 45,8% entre a xuventude desta mesma franxa de idade; e que ademais aumente o número de anos de cálculo conseguindo só con isto reducir o valor das pensión, que xa están ser en Galicia bastante baixas, chegando algunhas incluso a ser case inhumanas.

Para rematar co tema das pensións soamente vou dar unhas palabras os grandes sindicatos da UXT e CCOO. Xefes e outros sindicalistas que apoian as vosas teses, como pode un sindicato estar orgulloso de acudir a un pacto co estado no cal os traballadores, os cales representades, están a ser aldraxados. Só vou dicir unha última cousa: “Os dereitos non se negocian, esíxense”.

O último termo do que ía falar, que sería o dos ataques á lingua galega, vouno deixar para outra entrada do meu blog porque creo que xa me estendín demasiado na redacción desta, e poder falar así dun tema que tanto me queima por dentro cunha maior liberdade.

25 ene 2011

O NOSO FUTURO

Vivimos a día de hoxe nun tempo no que o noso futuro é algo incerto e se dentro deste futuro introducimos a toda a xuventude que está hoxe a estudar a súa carreira ou formación profesional esta incerteza vólvese máis escura.

Dentro desta nova xuventude estou tamén eu, un rapaz de 20 anos que levanta a cabeza mirando cara diante e non consigue atopar ningunha esperanza. Se esta xente nova do val coma min, ademais pretende buscar unha saída no mercado laboral da comarca a súas esperanzas redúcense a simples soños.
E que é o que os nosos mandatarios locais, ós que nos votamos, fan para mellorar estas posibilidades de atopar un traballo digno no lugar onde nacimos e no que algúns nos gustaría permanecer durante o resto da nosa vida, nada.

Non hai moito tempo escoitei dicir ó alcalde do Valadouro nun programa de Radio Valadouro, do cal son colaborador, que no val a crise non afectara. En certa medida ten algo de razón, aínda que existen moitas persoas que perderon os seus emprego neste ano que acaba de rematar. Pero cales son os motivos polos que esta crise de sistema non afectara ‘tanto’ nos nosos concellos: o atraso tecnolóxico e empresarial que vivimos hoxe en día no val, a grande cantidade de pensionistas que residen nos fogares dos nosos concellos e a gran cantidade de xoves que están a marchar do val cara outros concellos da comarca e as cidades; dende o  meu punto de vista este  motivos non son tales como para sentirse orgullosos.

Cales poden ser as solucións para que as novas xeracións fiquen no val? Non son eu un “gurú” destes temas como para dar a  solución a algo tan complexo como e a creación dun mercado laboral estable, pero si existen pequenos e sinxelos avances que se poderían conseguir cun pouco de esforzos dentro da administración do val.

Para empezar no val levamos xa moitos anos sen un polígono industrial no cal se poidan instalar novas empresas que traian novos empregos, que fan moita falta nos nosos concellos. Neste polígono xa se puxo a primeira pedra e xa están todos os permisos para comezar coa súa construción. Que e entonces o que ocorre no concello para que o proxecto non avance? Pois que segundo o alcalde de Alfoz este polígono non e rendible porque no concello de Alfoz non existe solo industrial.

Dende a miña opinión, que escusa pretende dar con iso, en Alfoz non hai solo industrial e en lugar de crealo ten a valentía de dicir que o polígono non é rendible economicamente, mentres as empresas xa instaladas no val están a perder moito diñeiro en subvencións que poderían recibir se estiveran construídas dentro do polígono.

Esto é o que temos na nosa terra, alcaldes os cales só lles importa quitar un soldo a fin de  mes, en lugar de gobernar para facer do noso val un lugar máis próspero.

 Que esperanzas podemos ter logo os xoves en quedar no val e poder ter un emprego digno na terra onde fomos nados? Pois ou seguir baixando a cabeza e lambendo cus para que os nosos mandatarios nos permitan “traballar” como empregado publico no concello, como moita xente elixe por ser o camiño máis fácil pero non máis respectable; ou obrar todos xuntos para que dunha vez por todas haxa un cambio neste val e votar dos seus postos os caciques que levan xa moitos anos a manexar os habitantes do val coma se foran monicreques para conseguir enriquecerse.

Temos pois agora a posibilidade de lograr este cambio, aí veñen as municipais, e debemos ser nós os responsables de aplicar o noso voto para conseguir, por fin, o cambio de rumbo nas políticas do val que eu creo que todos nós merecemos.

17 ene 2011

O Primeiro Saúdo


Este blog nace polas ganas de dar a miña humilde opinión sobre os sucesos que ocorren no día a día que provocan en min un xerme que debo botar fóra, canso xa de calar este sentimento de estar a ser enganado que e ferve dentro de min e me alporiza.

Dende este blog pretendo expresar a miña verdade, sen pretender causar o agrado dalgunha persoa ou institución, só escribindo con palabras os pensamentos que pasan pola miña cabeza a hora de escoitar as mentiras e os comentarios hipócritas das distintas voces que manexan hoxe o poder, as cales os medios de comunicación apoian día tras día tildandoas de "verdades absolutas" e intentando xustificar o inxustificable.

Por esa ansia de contraporme a opinión xeral, que por ser maioritaria non ten ningún motivo polo que eu a teña que compartila; por esa rebeldía pola que as xeracións xoves se deberían caracterizar; polas tremendas ganas de poñer o meu grao de area para que estas terras asoballadas tornen en ceives, é polo que mostrarei a 'outra' verdade coas miñas notas cando o meu tempo e as miñas ocupacións mo permitan.

Un Saúdo e grazas por ler estas liñas