28 ene 2012

CANDO O DEBATE NON INTERESA


Acabo de chegar dun debate político que nunca existiu. Como pode ser posible que entón se chame debate plenario a iso? Non sei. Busco porqués pero por máis que os procuro non os atopo. Como é posible que a isto se lle chame democracia se non queren caer nun debate para non ter que dar respostas? Non existe,  non deixan que exista. Que grandísima pena.

Cheguei con toda a ilusión do mundo a sala de plenos do Concello  de Alfoz; coma min había máis, xente que non adoitaba ir os plenos municipais, xente interesada nos tema importante da noite, xente que marchou ó terminar este debate (que endexamais chegou tan sequera a comezar)  sen resolver dúbidas sobre como afrontar este tema. Si, este gran tema, esa continua noticia no ultimo mes, ese titular de prensa eco en toda Galicia, a esperanza e desexos de moitos: A FUSIÓN DOS CONCELLOS DO VAL.

Mostrarei a aquí a miña opinión deste proceso, xa que descoñezo a dos que marcharon do pleno coa cabeza gacha, con carraxe ou mesmo tomándoo con ironía.

Observei como se propuxo unha moción na que a oposición estaba amplamente de acordo (non por  isto tomou máis importancia). Todo comezou coa súa dinámica natural, o partido que levou a moción (neste caso o BNG) expuxo ante todo o pleno o seu texto; ata aquí todo ben.

Continuou co turno do outro partido da oposición (PSOE) que apoiou a totalidade da moción engadindo unha emenda na que esixía un estudo previo antes de comezar a realizar a fusión; o Bloque concordou tamén amplamente neste apunte. Ata aquí o pleno continua normal, pero chega o turno do partido de goberno (o PP).

Empeza a defensa da posición do PP por parte do seu portavoz, falou de que a moción chegaba nun momento onde xa se estaba a tomar medida de mancomunar servizos (mancomunidade bendita palabra), logo tamén houbo tempo para algunha perliña localista dicindo quen era mellor e quen peor (pensamento que creo que quedaron atrás xa hai ben tempo) e terminando expoñendo que o seu voto será en contra porque non existía veracidade de que o concello de Alfoz se vira beneficiado con esta fusión e que mesmo este sairía perdendo (permítanme un pequeno sorriso malicioso ao supoñer de que están falando co de perder).

Ata aquí a exposición da opinión das tres correntes, todo normal, con pequenos matices e discordancias, pero aquí chega o punto de inflexión, xa que aquí “en teoría” deberíase chegar o debate da moción. Serei o máis breve posible,  o Bloque exponlle ó PP a posición que mostrou o seu partido (dirixentes actuais da Xunta) en discursos falando da fusión de concellos, nos cales se mostran moi favorables a esta. O PP fala de que neses discursos poden discordar coas dos seus superiores (pena que non estean en desacordo noutros discursos tamén). Logo o representante do Bloque refírese directamente o concelleiro independente da corporación municipal dicíndolle que este vai ser un gran momento para mostrar a súa posición ó respecto desta moción e ter a súa propia voz dentro desta corporación, mostrando o seu propio parecer neste pleno.

Turno pois do concelleiro de expoñer a súa opinión, comeza a falar de que na súa área de Cultura xa se tomaron iniciativas de compartir servizos (amén) nomeando o Radio, o teatro e os proxectos da Escola de Música e o Seminario de Estudos. Deseguido móstranos unha metáfora (bastante axeitada por certo) falando do proceso de unificación coma se fose un matrimonio, no que primeiro existe un noivado no que se mira se a unión pode ser axeitada, un noivado que compara coa posición actual dos dous concellos. Remata dicindo que esta moción non a apoiará tampouco, xa que sen ter a certeza se o concello de Alfoz se vai sentir beneficiado por esta unión non a ve axeitada.

Despois desta intervención por parte do concelleiro independente popular chega unha rápida resposta por parte do representante do BNG, dicindo que deixa de lado a moción e que propón que se faga o estudo socio - económico pertinente (emenda do PSOE) para despois retomar o proceso de fusión dependendo deste.

Aquí chegou e aquí rematou o debate (curto non?), os representantes populares din que iso non se pode facer que non se pode modificar un posicionamento no medio dun pleno  (como xa se fixo noutros plenos municipais) e procédese a votación, que obviamente se perde ante o inmobilismo da maioría popular.

Agora tocan as preguntas: Porque esta estratexia inmobilista? Que perden ó aceptar o estudo? Que perden tamén coa fusión?

As respostas son bastante simples e breves. Primeiro o debate non interesa xa que ante este os seus discursos caen en controversias, autocensuras e contradicións. Segundo un estudo podería prexudicar  a súa decisión xa que podería saír a favor da fusión (un fin bastante probable). E terceiro, se a fusión chegase a bo porto moitas das políticas que están a facer iríanse ó tacho: un alcalde menos (un soldo menos), non á duplicidade de servizos e reestruturación das administracións municipais.


MORALEJA: “Nada de camas de matrimonio que a manta non da para tapar a tanto dormitón, mellor camas xemelgas.”

No hay comentarios:

Publicar un comentario