2 abr 2012

ARDE


 O bosque autóctono galego xa viña sendo un paraíso en perigo de extinción, pero despois dos feitos deste fin de semana pasou a ser un ben destruído na nosa terra. Eucaliptais, minas, industrias e demáis levan mermando todos os nosos montes desde hai xa tempo; pero as estes factores nos últimos tempos temos que sumarlle outro: o lume.

Non é que os incendios forestais sexan unha novidade aquí en Galicia, pero ultimamente estes veñen acompañados de 3 factores que avivan as chamas do lume como se estivésemos a regar os nosos montes con gasolina. Falo de tres factores, un deles natural e os outros dous podémolos denominar como factores humanos.

O primeiro creo que é coñecido por todos nós, calquera que se pare a miran a nosa natureza e olle para o ríos verá a seca que estamos a ter desde o outono. Os ríos case non levan auga, os regatos xa non existen, os nosos prados están secos e a herba verde característica destas épocas do ano xa torna nun color máis amarelo. Chameille factor natural pero por iso non quere dicir que sexa alleo á culpa de todos nós, o cambio climático está aí e non podemos botar pelotas fóra e arredarnos de toda culpa; nesto nos tamén temos responsabilidades.

Paso agora ó segundo factor, non podemos falar del como algo novidoso xa que ven existindo desde xa moitísimo tempo. Con este segundo factor refírome ó interese individual ou mesmo de pequenos colectivos, algo que o egoísmo humano nos ven ensinando desde tempos inmemoriais pero que está pegar duro ultimamente os nosos montes. Falamos de xente que quere sacar un beneficio directo dos montes sen miran o impacto que pode causar no noso medio. Para ser específicos, neste ultimo caso no incendio nas Fragas do Eume había un ruxe ruxe xa de que certas empresas mineiras quería sacar tallada dunha explotación de andalucita que se atopaba nos contornos das Fragas; xa gozaban estes dun permiso da Xunta que lles permitía construír a súas minas a apenas 50 metros dun parque natural único en toda Europa. O lume comezou xusto no lugar onde esa suposta mina de andalucita ía estar localizada. Casualidade? Home, un non é que vaia desconfiando na xente pero permítanme dicir que nas empresas multinacionais non gardo nin un chisco desta confianza e menos cando pretenden tratar a Galicia coma un país tercermundista (nada tampouco novidoso) no que “roubar” os nosos recursos e cando deixen o terreo ermo de todo valor, marchen e deixen un deserto onde antes había carballeiras, bidueiros e en resume, un paraíso autóctono.

Xa pasando o terceiro e último factor e talvez o que máis me cabrea dos tres, un factor que se pode resumir cunha soa palabra: INCOMPETENCIA. Pero, quen son os incompetentes? Pois eses nosos gobernantes que están sentados nas súas poltronas da Xunta aplicando a tesoira a todo aquilo que ven innecesario para o seu propio beneficio e dos seus “amiguitos”. Esa brigada de demolición e limpeza étnica instalada en San Caetano que leva retallando na nosa cultura e no noso benestar desde que chegou ó poder. Volvemos a exemplificar co catastrófico caso nas Fragas do Eume, nos últimos anos a prevención de incendios nestas fragas quedou a cero, só con dicir que o incendio foi visto por un veciño da vila, cando este foi provocado a escaso metros dun Parque Natural, queda claro a vixiancia que había na zona do parque. Pero xa pasando do tema da tesoira, ademais estes gozan dunha habilidade especial, case sobrenatural, para exercer a incompetencia, soamente abonda con escoitar as palabras do alcalde de Cabana (que por certo non saíron na TVG) falando de como reaccionou a Consellería de Medio Ambiente ante a chamada de socorro polo incendio; lentitude e falta de miolos son as palabras que mellor definen a súa reacción, que provocou que un paraíso natural único como as Fragas do Eume pasen a estar tinguido dunha cor negra e bañada en cinsas e bágoas de desesperación de moitos galegos.

Agora xa para rematar quero mostrar a miña opinión claramente, sen recortes, sen medias palabras e sen roer a lingua, porque a verdade e que todo o que pasou este fin de semana provocou en min un sentimento de xenreira que non podo controlar. Señor Alberto Núñez Feijó, velaquí tes o teu “Prestige” particular, os tempos pasaron pero toda esa incompetencia e pasotismo que vos caracterizan volveron a provocar o que moitos temíamos; volvestes a destruír algo que non e nada fácil de reparar, algo que non reacciona os vosos ataques como calquera galeg@ pode facer (e fará), a natureza. Esperemos que todo isto tome dinámicas que en tempos pasados xa se tomaron e que non pasen moitos anos ata que todos poidamos disfrutar dos nosos montes, igual que agora podemos disfrutar das nosas costa 10 anos despois.

No hay comentarios:

Publicar un comentario