31 ago 2012

A RADIO DE TODOS

Outra temporada remata en Radio Valadouro, un servidor comeza o seu terceiro ano nunha radio local envexable. Un Xoves 30 de Agosto onde noutro Parolando máis dáse fin a unha temporada máis en compaña dos compañeiros de todos os programas desta Radio. Un programa cheo de emocións de despedida dos programas e mesmo dalgún condutor dos mesmos e máis doutras emocións de rabia por ver que a nosa Radio ano tras ano vai perdendo a calidade técnica que se necesita para manter a calidade dos contidos (que esta si que segue a existir) dos programas.

 A que se debe esta continua perda de calidade técnica, pois que pola contra do que algún pensan a radio non é eterna e os equipos electrónicos, porque utilízanse equipos electrónicos xa que a radio non funciona polo corno dunha vaca nin se comunica por sinais de tambor, estráganse ou perden calidade. Quen son os encargados de reparar estes problemas técnicos? Pois, ata agora, as palabras Radio Valadouro veñen acompañas doutra como é “Municipal”, fóra ironías, o que quero dicir que esta radio pertence ó concello de O Valadouro, ademais, un servidor acordase de acudir a un pleno no concello de Alfoz na que o noso excelentísimo alcalde prometeu prestar toda a axuda a manter esta radio que gozan en todo o Val. Outra vez se repite o mesmo neste blog, dous alcaldes profesionais da política (o seu soldo mensual convérteos nesto) que seguen a manter a súa inutilidade no seu asento de goberno, na súa continua labor de dinamitar as ofertas culturais das que goza o noso Val.

Segue ser a continua inutilidade do poder político no noso Val o único motivo polo cal está radio continua con este proceso de dexeneración pola pouca concesión de "osíxeno" por parte dos concellos? Ou existen outros motivos ocultos que non nos fan saber? O concello do Valadouro xa se somete a unha gravación dos plenos do concello, pero un sabe das continuas negativas do equipo de goberno de Alfoz a someterse a esta posta ante o público dos seus plenos municipais, nos cales (os meu ollos e oídos o percibiron) mostran as súas habilidades dialécticas e o seu envexable uso da democracia nas súas actividades municipais cotiás.

Deixando a retranca, todos sabemos que a liberdade de expresión sempre foi considerada perigosa por algúns sectores da sociedade actual. O pulo que podería dar a Radio Valadouro a este feito sería tremendo, poderían existir debates sobre temas que interesaran os veciños do Val (non todos eles agradable para os gobernos municipais). Cantas veces se fala dos problemas do Val nos programas da radio, fálanse de moitos pero non de todos, xa que existe un certo contrato non escrito de non agresión. Un contrato que se pode romper moi xustamente se mediante o seu pasotismo e inutilidade están a drenar a vida que lle queda a radio.

Un servizo envexable como é unha radio municipal non se pode tomar a broma, moitos concellos de Galicia xa quixeran ten un servizo como este na man dos veciños. Calquera pode facer un programa sobre o que a el lle gusta poñendo o seu tempo a servizo da radio do val como condición (unha bastante pequena sempre que che permitan facer o que a ti che gusta). Por todo isto, con liberdade, sen censura e cos mellores medio posible; AVANTE Á RADIO VALADOURO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario